Notas de prensa

A UVigo sitúase como universidade española líder en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Oceanografía

A Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU, fixo público o seu Global Ranking of Academic Subjects 2024, a clasificación das mellores universidades do mundo en 55 materias de investigación. Nel, a UVigo sitúase como primeira universidade española en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e en Oceanografía, empatada neste último caso coa Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

En total son dez os ámbitos de coñecemento nos que a UVigo se posiciona entre as institucións de educación superior referentes a nivel internacional.

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 1900 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional.

Concretamente, no GRAS 2024, no ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, a UVigo ocupa o posto 34 do mundo, sendo a primeira universidade española neste ránking. Tamén ocupa o primeiro posto no ámbito estatal, empetada con Las Palmas de Gran Canaria, en Oceanografía. Se o pasado ano, nesta última materia a Universidade de Vigo estaba entre as 200 mellores (no tramo 151-200), este ano supera os seus resultados e sitúase entre as 51-75 referentes. Polo que respecta a Ciencias Agrícolas a UVigo mantense entre as 300 mellores (no tramo 201-300) e en Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía e Administración de Empresas sitúase entre as 301-400, destacando como novidade respecto ao pasado ano a entrada no eido de Administración de Empresas. Por último, en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e Económicas sitúase entre as 500 mellores, no tramo de 401-500, destacando igualmente como novidade o posicionamento en Económicas.

O papel dos centros

Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, amosa a satisfacción da institución académica cos datos xerais acadados neste Global Ranking of Academic Subjects 2024, salientando o seu posicionamento en dez categorías investigadoras. Entre eles, destaca que se mantén o liderado estatal no ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos “aínda que hai unha baixada de posición respecto ao ano anterior fundamentalmente derivada da perda dos investigadores altamente citados este ano”. O posto 34 acadado nesta materia, xunto coa posición en Ciencias Agrícolas e Ecoloxía, comenta a responsable académica, amosa “a potencia que está a ter o Campus Auga co avance e bo facer do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que estou convencida que na vindeira convocatoria de centros da Xunta poderá presentarse e acadar unha boa posición”. Ademais, engade Belén Rubio, o financiamento acadado polo Campus Auga coa acreditación da súa especialización por parte da Xunta de Galicia “puido axudar a manter eses bos niveis”. O campus de Ourense, sinala, “é xa un referente na investigación neste eido e espero que potencie tamén as titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñería Agraria”.

Outro aspecto subliñado como “moi salientable” pola vicerreitora é a posición ocupada en Oceanografía, que xunto coas de Ciencias da Terra, Ecoloxía e Ciencias Atmosféricas, sinala, “reflexan o excelente traballo que está a facer o Centro de Investigación Mariña”. Neste senso apunta que “creo que o financiamento acadado no Plan complementario de Ciencias Mariñas, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia (Consellería do Mar), puido contribuír a esta mellora” e sinala que “agardo que sexa un dato positivo a considerar por parte da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional na avaliación do centro como centro CIGUS”. Belén Rubio amosa igualmente a súa confianza en que “a nova instalación do centro nos edificios da ETEA sexa pronto unha realidade e axude a potenciar as sinerxías co CSIC e outros centros para ser un referente a nivel internacional”.

à hora de analizar os resultados acadados no ránking a vicerreitora tamén pon en valor o papel do “CINBIO, outro dos nosos centros CIGUS, que destaca nas posicións en Biotecnoloxía e en Ciencias Farmacéuticas”. Este centro, sinala, “non só logra manterse ao nivel doutras institucións senón que está en clara progresión ascendente, coa incorporación de talento, e tamén axudado polo plan complementario en Biotecnoloxía aplicada á saúde, financiado igualmente polo Ministerio de Ciencia e Innovación e pola Xunta de Galicia”.

Maior financiamento, "máis e mellor investigación"

Do mesmo xeito, Belén Rubio destaca o papel de Ecobas, apuntando que os resultados acadados nas áreas de Administración de Empresas e Económicas son “froito do bo facer do persoal investigador deste centro, que xa foi tamén recoñecido pola Xunta na convocatoria de centros ao acadar financiamento e entrar como centro colaborativo, sendo un dos centros interuniversitarios que partillamos coas outras universidades”. Neste senso, a vicerreitora subliña que “está claro que as sinerxías potencian a fortaleza dos centros e a mellora a título individual tamén” e “que o programa de centros da Xunta foi e está sendo un éxito", facendo mellorar a posición das universidades. “Está claro que a maior financiamento pódese facer máis e mellor investigación”, afirma a responsable académica.

Por último, desde a institución académica destácanse os resultados no ámbito das enxeñarías neste GRAS 2024. “Tanto nos centros atlanTTic como Cintecx teremos que facer un maior esforzo na captación de talento para poder seguir manténdonos como en anos anteriores e continuar ben posicionados nos ránkings, labor que xa comezamos, pois neste ano incorporamos tres investigadores Ramón y Cajal nestes eidos e espero que siga medrando”, comenta Belén Rubio.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES