Noticias

Galicia pide ao Goberno central que retire canto antes o lobo do listado de especies con protección especial pois a súa situación na comunidade é favorable

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, no que lle trasladou que os datos que ten a Xunta sobre a poboación do lobo en territorio galego constatan que o seu estado é favorable, polo que instou ao Goberno central a excluír esta especie canto antes do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe) mediante unha modificación da orde ministerial. A responsable autonómica lembrou que a comunidade xa remitiu ao Executivo central os seus datos de cara á elaboración do informe sexenal da especie para o período 2019-2024, sendo unha das primeiras autonomías en facelo, en tempo e forma.

A información facilitada, engadiu, constata que o estado de conservación do lobo en Galicia é favorable en todos os parámetros que se avalían, tanto no que ten que ver coa amplitude xeográfica, a poboación, o hábitat e as perspectivas futuras. Por iso, instou ao Goberno central a actuar con rigorosidade e reflectir con exactitude no informe sexenal da especie os datos que lle trasladan as comunidades autónomas.

Neste sentido, a información enviada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico certifica a presenza de 93 mandas de lobos na comunidade, que están en arredor do 92% do territorio galego, practicamente na súa totalidade.

A conselleira tamén incidiu en que esa exclusión do Lesrpe permitiría corrixir o erro cometido en 2021, cando se incorporou a especie a ese listado en base a criterios culturais e ecolóxicos, obviando as consideracións técnicas, científicas e sociais. De feito, o Goberno central tampouco tivo en conta a opinión das comunidades lobeiras -as que en último termo xestionan as poboacións- sendo consciente en todo momento de que os valores culturais e o papel ecolóxico desta especie non estaban en risco.

Esa inclusión no Lesrpe, incidiu a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, provocou que os avisos por ataques do lobo aumentasen en Galicia máis dun 75% desde 2021, rexistrándose nove reses afectadas cada día, o que mostra os importantes prexuízos que a acción desta especie causa no sector agrogandeiro.

Xabaril

Ángeles Vázquez e Hugo Morán tamén abordaron a situación do xabaril e a súa xestión na comunidade e no conxunto do Estado. Neste caso, a representante da Xunta lembrou a necesidade de contar cun censo a nivel nacional da especie, para o que expuxo a posibilidade de ampliar o número de puntos de monitorización da súa poboación existentes na actualidade -están a desenvolverse proxectos piloto en distintos territorios- e a conveniencia de que o Goberno central financie a súa posta en marcha para contar cun maior control e seguimento desta especie silvestre.

Nesta liña, a conselleira recordou que a presenza do xabaril provocou danos en máis de 2.800 hectáreas en Galicia na tempada 2023-2024 e que as comunidades están a facer un esforzo económico inxente para compensar ao sector agrogandeiro e axudarlle a adoptar medidas de prevención. Por iso, instou a homoxeneizar a nivel nacional as medidas de xestión co fin optimizar ao máximo a xestión da especie.

Residuos

En canto á xestión de residuos, a responsable autonómica puxo en valor que Galicia é a sexta comunidade que menos refugallos envía a vertedoiro -a opción máis contaminante e menos respectuosa co medio ambiente- e que nos últimos anos a comunidade fixo importantes investimentos para avanzar na recollida separada dos residuos orgánicos e o seu tratamento coa creación dunha rede de plantas de biorresiduos -cun orzamento de máis de 56 millóns de euros- e o reparto entre os concellos de máis de 22.000 composteiros para o tratamento da materia orgánica.

A conselleira lamentou tamén a distorsión que provocan nos datos globais de Galicia sistemas de xestión de residuos a extinguir como os das plantas de Nostián e Serra do Barbanza -o modelo húmido-seco-, que envían un volume demasiado alto de residuos a vertedoiro por unha ineficiente separación das distintas fraccións de refugallos.

Renovables

No eido da descarbonización, Ángeles Vázquez reiterou a Hugo Morán a necesidade de que o Goberno central corrixa ou retire a zonificación e o visor habilitados sobre a implantación de proxectos eólicos pois consideran sensible o 100% do territorio galego para a instalación de aeroxeradores. Máis tendo en conta, incidiu, que a zonificación ambiental é unha competencia exclusiva da comunidade autónoma.

Na mesma liña, subliñou que, malia que a zonificación ministerial é unicamente orientadora, é o criterio que está a utilizar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para suspender proxectos que contan con avaliacións de impacto ambiental favorables. De feito, a conselleira censurou que preto do 80% dos autos de suspensión emitidos polo TSXG recorren única e exclusivamente a esta zonificación orientadora para paralizar os proxectos, o que lastra o obxectivo de Galicia de avanzar no desenvolvemento das enerxías renovables e na senda da transición ecolóxica.

R., 2025-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES