Noticias

Declarada a emerxencia cinexética temporal en 38 comarcas para controlar a poboación do xabaril

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, informou hoxe sobre a declaración da emerxencia cinexética temporal nun total de 38 comarcas galegas pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril, que entrará en vigor mañá, sábado, 18 de outubro, logo de que hoxe se publicasen as correspondentes resolucións no Diario Oficial de Galicia. Segundo indicou Marisol Díaz, as declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os Tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais.

En total, a declaración abrangue 38 comarcas (9 na Coruña, 10 en Lugo, 11 en Ourense e 8 en Pontevedra) que comprenden 254 concellos (64 deles coruñeses, 57 lucenses, 86 ourensáns e 47 pontevedreses) e un 83% da superficie total de Galicia.

A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 18 de outubro, ata o 22 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2025-2026. Con todo, a directora xeral subliñou que poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.

A representante da Xunta explicou que esta é a quinta vez (tras 2019, 2021, 2023 e 2024) que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Tal e como subliñou Marisol Díaz, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.

Instrumento adicional e complementario

Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.

Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2025-2026 dos Tecores, ou a autorización para o uso, con carácter excepcional, de medios auxiliares -como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados- que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial -persoalmente ou mediante terceiros- con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.

Primeira experiencia en 2019

A emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería ou a seguridade viaria.

En 2019 a Xunta recorreu por primeira vez a esta medida en 33 concellos de 5 comarcas. Tras esta experiencia pioneira, no ano 2021 volveuse declarar a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas como medida adicional para minorar o impacto da especie nas mesmas. No ano 2023 recorreuse por terceira vez a esta posibilidade, afectando a un total de 37 comarcas, mentres que o ano pasado se declarou a emerxencia cinexética temporal en 40 comarcas.

As novas resolucións, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia, responden a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais en cada comarca derivadas dos avisos por danos á agricultura polo xabaril, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino e en base ás cales se decidiu declarar a emerxencia cinexética temporal nun total de 38 comarcas galegas.

Á falta dun censo oficial da especie a nivel nacional, Marisol Díaz subliñou que o incremento dos avisos e os datos de capturas obtidos a partir da información facilitada polos propios Tecores -preto de 18.900 exemplares na tempada 2024-2025- levaron á Xunta a considerar necesario volver a recorrer a esta medida temporal e extraordinaria para reforzar o control da poboación de xabarís naquelas zonas de Galicia onde se está a constatar que ten unha maior incidencia.

Por último, a directora xeral incidiu na importancia de combinar medidas como a declaración da emerxencia cinexética e outras reformas normativas e de procedemento adoptadas nos últimos anos, coas liñas de axudas que ofrece a Xunta cada ano para previr e paliar os danos do xabaril, un esforzo que cifrou desde 2016 “en máis de 16,8 millóns de euros”.

Fotografía: Wikipedia

R., 2025-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES