Notas de prensa

A Editorial Galaxia recibe a medalla de ouro da Universidade de Vigo en recoñecemento ao seu compromiso inquebrantable coa lingua e a cultura galega

Por ser unha entidade comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia; por facer da lingua e a cultura galegas a súa razón de ser. Por todo isto e moitos outros argumentos, a Editorial Galaxia recibiu este venres a medalla de ouro da Universidade Vigo, o máximo recoñecemento outorgado pola institución académica viguesa.

Fíxoo nun acto celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e ao que asistiron numerosos representantes, tanto da propia comunidade universitaria, como do panorama cultural e político galego, entre eles o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

En nome da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, realizou a entrega da medalla de ouro e o diploma acreditativo ao actual presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, quen fora máximo responsable dos Servizos Xurídicos da UVigo e integrante do primeiro equipo de goberno da institución, liderado por Luis Espada, quen tamén acudiu ao acto. “Hoxe recibimos este galardón non só como un recoñecemento ao pasado da editorial, senón tamén como un convite a seguir traballando con ilusión e responsabilidade no presente e no futuro. A seguir sendo ponte entre xeracións, entre autores e lectoras, entre o país que fomos e o que queremos seguir construíndo”, salientou emocionado Vidal Andión, tras manifestar “a máis fonda gratitude” por ten considerado este proxecto merecedor deste galardón.

“Un proxecto colectivo que naceu para ser luz nun tempo escuro”

En plena celebración do 75 aniversario da editorial, o seu máximo responsable afirmou con rotundidade que a maior compensación de Galaxia “é o convencemento de que contribuímos decisivamente ao rexurdimento da nosa cultura na segunda metade do século XX ata a actualidade, ao rexurdimento da nosa conciencia de pobo con personalidade propia”. Neste senso, indicou que celebrar este aniversario “é honrar un proxecto colectivo que naceu para ser luz nun tempo escuro, para darlle corpo e continuidade a unha vontade nacional que nunca se rendeu, nin sequera nos momentos máis difíciles da nosa historia”.
Tras lembrar que Galaxia non foi allea á propia creación da UVigo, “con quen dende o inicio mantivo unha relación de recoñecemento mutuo”, destacando nesta liña o nomeamento como doutores honoris causa a dous dos seus fundadores, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, Anton Vidal fixo un breve percorrido polos 75 anos de historia da editorial, desde a “ilusión épica” dos que axudaron a fundala en plena ditadura franquista ata actualidade, “tempos ben complicados para a lingua” nos que a loita pola defensa do galego segue sendo vital.

“A batalla político-cultural necesitaba un instrumento idóneo e, con ese fin, creouse a Editorial Galaxia”, lembrou Vidal, quen se referiu a este proxecto como un “milagre baseado na xenerosidade de todos os que participaron ou participamos nesta aventura”. Neste senso, tivo palabras de lembranza para todas as persoas que fixeron e fan posible a iniciativa: “fundadores, conselleiros e conselleiras, autoras, editores, lectoras, traballadores, libreiras, amigas e compañeiras de camiño. Este galardón é tamén para todos”.

“O que fixo Galaxia no seu día foi valente e pioneiro”

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, lembrou que a Universidade de Vigo desde a súa creación quixo sempre apostar por unha sociedade “aberta, plural e democrática”, e desde os seus alicerces tivo claro, igual que o fixera Galaxia, que Galicia tiña que facer un rexurdimento, o que, desde o seu punto de vista, non só significa coidar dunha “herdanza fantástica, a nosa lingua e a nosa cultura, que estivemos a piques de perder”, senón tamén seguir traballando, “forzar a máquina”, para nestes intres complicados para o idioma “facer as cousas mellor”.

Baixo esa ollada histórica, recordou que os primeiros estatutos da institución xa definían á UVigo como unha universidade pública, de calidade e galega, “o que significa que queremos levar a galeguidade a todo o mundo e ter un efecto multiplicador de todo o talento que recibimos, só así podemos construír entre todos un futuro mellor”. E, precisamente, ese futuro mellor debería pasar, indicou Reigosa, por empregar ese “tesouro agochado”, a nosa lingua, “que se nos dá de balde e, polo tanto, moitas veces é concibido como algo de segundas, sen valor”.

“O que fixo Galaxia no seu día, que foi valente e pioneiro, consistiu en reconstruír Galicia para ser quen de pór en marcha unha sociedade aberta e participativa na que as persoas poidan desenvolver a súa carreira profesional do mellor xeito posible e, sempre, empregando a nosa lingua”, subliñou o reitor, quen lle desexou ao galego “non mil, senón moitísimas máis primaveras. Non sei o que vai pasar no futuro, pero si sei que non estariamos aquí sen Galaxia”.

No corazón de xeracións de galegos e galegas

A laudatio de Galaxia correu a cargo de Xosé Manuel Dasilva, catedrático do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e “galaxiano por devoción”, como el mesmo se recoñecía ao inicio da súa intervención. Dasilva tivo a responsabilidade de poñer en valor o labor de Galaxia, unha misión “doada” porque “os méritos que posúe para obter a honra que se lle outorga son inxentes”, pero á vez “complicada, porque dar conta polo miúdo de tales méritos esixiría un espazo extenso”. Dasilva tratou de condensar o que significou Galaxia ao longo dos últimos 75 anos, unha evolución parella á “evolución do noso país durante o período contemporáneo”.

Puxo o foco, por unha banda, no eido editorial, xa que “a cultura galega, e mormente o panorama das nosas letras, non se concibiría de xeito pleno sen os libros que Galaxia tirou do prelo. É máis, poderíase dicir que Galaxia ocupa un capítulo na vida de numerosas persoas. Sempre haberá quen se lembre a si mesmo, nalgún determinado intre, diante de Merlín e familia (de Álvaro Cunqueiro), ou diante d’A esmorga (de Eduardo Blanco Amor), ou diante de Que me queres, amor? (de Manuel Rivas), ou diante da tradución galega d’O principiño, feita maxistralmente por Carlos Casares”.

Máis aló da actividade editorial, o catedrático tamén se referiu ao compromiso civil da editorial. “Hai que destacar a actitude de resistencia de Galaxia en circunstancias abondo adversas. Constituía unha conduta valente que arelaba, entre as fins principais, a completa dignificación da nosa lingua, a promoción da identidade de Galicia en contacto con outros ámbitos mediante un troco sen intermediarios e, ao cabo, a preservación do legado dos predecesores para o transmitir ás xeracións vindeiras”.

Dasilva rematou a sua laudatio recuperando dous testemuños de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego verbo da importancia que Galaxia atesoura. O primeiro, recordaba nas súas memorias “o reto de dar á luz a editorial, porque era perigoso nunha situación política como a de entón”, mentres que o segundo facía referencia á “afouteza” que estaba detrás de Galaxia: “A tarefa na que andabamos empeñados enfrontouse cunha chea de inconvenientes e atrancos. Aínda así, nunca nos venceu o desalento, nin minguou a ilusión esperanzada”.

Por todos estes valores, compromiso e dedicación, Dasilva trasladou os parabéns á editorial “por este xusto recoñecemento” e tamén felicitou a Universidade de Vigo por concederllo.

Unha vez rematadas as intervencións, o acto, amenizado musicalmente pola cantante e compositora galega Su Garrido, tivo lugar a sinatura do presidente da Editorial Galaxia no libro de honra da Universidade de Vigo e a entoación do himno galego.

Cuarta medalla de ouro entregada pola UVigo

A medalla de ouro á Editorial Galaxia é a cuarta entregada pola institución académica viguesa, quen non celebraba ningún acto deste tipo desde marzo de 2006, cando, coincidindo co 30 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial -daquela Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais-, lle fora concedida á Fundación Barrié de la Maza, quen axudara a impulsar e financiar este centro.

Previamente outorgáranse outras tres: a primeira no ano 1996, a título póstumo, a quen fora o primeiro presidente do seu Consello Social, Armando Priegue, e outras dúas no ano 2000: unha á Xunta de Galicia, presidida daquela por Manuel Fraga, e outra á Universidade de Santiago de Compostela, distinción que fora recollida polo entón reitor santiagués, Darío Villanueva.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas —especializada en feltro— é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES