
O produto dos Trens Turísticos que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) vén de ser galardoado, concretamente coa súa proposta da Ruta dos Faros, co premio Tourism-Friendly na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).
Os Premios UIC TopRail de Turismo distinguen aos mellores destinos turísticos en 2025, recoñecendo o liderado no desenvolvemento e creación de experiencias únicas para os viaxeiros e destacando o papel do tren como medio de transporte sostible e inclusivo.
Para Turismo de Galicia, este é un recoñecemento que pon en valor unha iniciativa turística consolidada e que cada ano segue a espertar o interese dos visitantes que poden percorrer Galicia en tren coñecendo os seus principais recursos turísticos en canto a cultura vitivinícola, paisaxe, patrimonio e historia. Este 2025 foron 13 rutas dos Trens Turísticos nas que se ofertaron 2.530 prazas.
O Roteiro dos Faros, que alcanzou un nivel de ocupación practicamente do 100%, percorre o norte de Galicia e visita Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poden coñecer Viveiro e os cantís de Loiba. Este itinerario do Roteiro dos Faros desenvólvese nos meses de xuño a setembro.
En 2025, o programa de Trens Turísticos de Turismo de Galicia alcanzou se un 92,15% de ocupación nas prazas á venda. As rutas nas que practicamente esgotaron a totalidade das prazas foron as dos Queixos, Ribeira Sacra-Miño, Rías Baixas, Ribeira Sacra-Sil e Faros.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.