Noticias

O Servizo Galego de Saúde incrementou en 2024 a actividade en cirurxías, probas e consultas e reduciu en 12,5 días o tempo de acceso ao especialista

O Servizo Galego de Saúde incrementou en 2024 de forma significativa o seu volume de actividade, realizando máis operacións cirúrxicas, máis consultas médicas e máis probas diagnósticas, ao tempo que reduciu o tempo de acceso. O descenso rexistrado foi especialmente significativo no caso do tempo medio de acceso á consulta do especialista, que baixou o pasado ano en 12,5 días. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, e co director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, presentou en rolda de prensa o balance da actividade asistencial e de lista de espera do ano 2024.

O titular da carteira sanitaria subliñou o importante incremento da actividade cirúrxica rexistrado no 2024, en que, por primeira vez, o Servizo Galego de Saúde superou a as 200.000 operacións. En concreto, a actividade cirúrxica medrou nun 5,6 %, o que supuxo realizar 10.865 operacións máis, acadando, ademais, menos tempo de espera. En 2023 o tempo medio de espera era de 67,5 días e a peche de 2024 foi de 67,1 días.

Gómez Caamaño sinalou que as listas de espera son unha “ferramenta de xestión para establecer prioridades e así garantir que non espere todo aquel paciente urxente”. Neste sentido, destacou a mínima espera nas vías rápidas de sospeita de cancro, cunha media de 5,8 días, así como os procesos incluídos na Lei de garantías de tempos máximos de acceso.

Concedeu especial relevancia ás cirurxías de prioridade 1, onde se produciu en 2024 un incremento de actividade do 10,7 %, con 2.686 operacións máis. Ademais, nestas intervencións máis prioritarias, o tempo de espera se reduciu en 3,5 días a espera media, que pasou de 20,6 a 17,1 días.

O conselleiro apuntou que o Servizo Galego de Saúde tamén está a dar resposta ás necesidades derivadas do aumento da esperanza de vida, operando cada vez a máis persoas maiores de 90 anos. En concreto, foron 4.200 operacións en 2024, o que supón un 12,7 % máis con respecto ao ano anterior.

Máis consultas e menos pacientes á espera

Igualmente relevante no balance de 2024 é o incremento no número de consultas de especialista, dun 2,7 %, chegando ás 4.853.898, uns datos que cobran maior valor tendo en conta que se conseguiu baixando ao mesmo tempo nun 7,5 % o número de pacientes pendentes e reducindo en 12,5 días o tempo de acceso.

Gómez Caamaño citou tamén o incremento dun 4 % no número de probas diagnósticas realizadas, cun total de 3.622.678, e a redución en máis de 1.000 os pacientes que agardan para a súa realización, así como os 6,2 días nos que se acurtou o tempo de acceso.

O titular da Consellería de Sanidade lembrou que Galicia mantense, con diferenza, entre as comunidades autónomas coa lista de espera máis baixa do Estado mentres o Servizo Galego de Saúde traballa por continuar mellorando os datos e tendo presente a mellora nos resultados en saúde dos pacientes.

En comparación cos datos da media do Sistema Nacional de Saúde, a porcentaxe de pacientes que esperan máis de 6 meses para operarse sitúase en Galicia no 3,9 %, un 20,4 % por baixo da media nacional de decembro de 2023. E a porcentaxe de pacientes que esperan máis de 60 días por unha consulta en Galicia é un 20,3 % menos que a media do Sistema Nacional de Saúde ao peche de 2023.

O conselleiro de Sanidade recoñeceu a relevancia da ampliación da cirurxía robótica nos últimos anos ás sete áreas sanitarias, cun incremento do 19 % no ano 2024 con respecto ano anterior.

Finalmente, Gómez Caamaño recoñeceu “o esforzo realizado polos profesionais cos que conta o Servizo Galego de Saúde para mellorar estes datos día a día e consolidar a mellora na atención do máis urxente”.

R., 2025-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES