
Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez que, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deu conta hoxe dos resultados desta diagnose no Consello Galego para a Convivencia Escolar, tras avaliar onte no Consello da Xunta os primeiros datos.
Román Rodríguez explicou que, tras arrancar coa primeira enquisa en 2015, cos resultados de 2025 é a primeira vez que se dispón dunha radiografía completa da evolución da convivencia no período dunha década e onde, malia que os hábitos sociais e familiares mudaron coa irrupción das novas tecnoloxías, constátase unha mellora do clima nas aulas, segundo o expresan tanto as familias como os docentes e os propios alumnos.
O estudo consta dun amplo bloque sobre a convivencia nos centros escolares tanto para alumnado de ensino obrigatorio (Primaria e ESO) como postobrigatorio (Bacharelato e Formación Profesional) e outro bloque enfocado aos hábitos sociais do alumnado, que se introduciou por primeira vez na enquisa de 2023.
Despois de avaliar no Consello da Xunta de onte os resultados do primeiro bloque, no que atinxe ao segundo bloque, en concreto sobre o uso das tecnoloxías e as redes sociais, cómpre destacar que arredor do 90% do alumnado (91,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 84,33% dos de ESO e os 78,83% dos de ensinanzas postobrigatorias) afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios. Pola súa parte, o 98,8% das familias afirma que os seus fillos nunca ou case nunca se sentiron ameazados, intimidados, insultados ou acosados a través de internet. Así mesmo, o 76,09% do profesorado manifesta que os conflitos relacionados co uso incorrecto dos dispositivos electrónicos ou da rede son feitos puntuais.
O titular de Educación recalcou que a convivencia é unha prioridade de Goberno reflectida na Estratexia galega de convivencia 2025, co desenvolvemento de iniciativas pioneiras como a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos, a colocación de puntos laranxa contra o acoso ou o Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar ou a formación do profesorado, entre outros.
Neste senso comprometeuse a seguir traballando arreo no compromiso colectivo con todos os integrantes da comunidade educativa e co resto de institucións para erradicar conductas contrarias á convivencia. Nesta tarefa enmárcase a futura Rede de concellos contra o acoso, ou a ferramenta Termómetro Acoso Escolar que xa está a disposición dos centros educativos.
Uso dos teléfonos móbiles
No que atinxe ao apartado concreto de hábitos sociais dos alumnos, que se introduciu por primeira vez na enquisa de 2023, para recoller información sobre a coeducación e a convivencia máis aló do recinto escolar, recóllese que o 46,51% do alumnado de 5º e 6º de Primaria (que foi o que participou na enquisa) dispón de teléfono móbil, fronte ao 53,5% que así o manifestaba hai dous anos.
En ESO esta porcentaxe elévase ao 88,65% dos enquisados (dous puntos menos que o 90,65% de 2023) e ao 90,73% de alumnos de postobrigatoria (tamén dous puntos menos que o 92,52% da última enquisa). Aínda que tímida, esta dinámica á baixa de posesión de dispositivos móbiles coincide coa prohibición do uso do teléfono móbil nos colexios e institutos desde xaneiro de 2024.
Por parte das familias sobre o uso da tecnoloxía por parte dos seus fillos, o 85,3% delas afirma que limita sempre ou case sempre o uso de dos dispositivos electrónicos e a conexión á rede dos seus descendentes (83,3% en 2023) fronte ao 14,7% que afirma que non o fai nunca ou case nunca (16,6% en 2023).
Redes sociais e videoxogos
Por outra parte, o 78,48% do alumnado de Primaria e ESO (en 2023 era o 81,02%) e o 88,61% (o 90,98% en 2023) de Bacharelato e FP afirma que se conecta a internet varias veces á semana ou case todos os días.
Así mesmo, as redes sociais xa forman parte da vida diaria das persoas e, en especial, da mocidade. O 68,7% do alumnado de ensino obrigatorio e o 78,79% do ensino postobrigatorio manifesta que usa as redes sociais habitualmente.
En concreto, o 72,6% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e un 83% do de postobrigatorias afirma usalas. TikTok é a máis utilizada entre o alumnado de Primaria e ESO (45,08%) seguida de Instagram (40,63%) e YouTube (40,42%). No caso das ensinanzas postobrigatorias as máis populares son Instagram (63,68%), TikTok (55,88%) e YouTube (48,63%). No caso das ferramentas de mensaxería, a máis popular entre o alumnado é WhatsApp, seguida de Discord e Snapchat.
No eido dos videoxogos, a maioría do alumnado os utiliza como un medio de entretemento, sobre todo en Primaria, onde afirman usalos con este fin o 80,8%, e preto do 42% fano principalmente con amigos.
Apostas en liña e pornografía
O 89,96% do alumnado de ESO e o 82,91% do de ensinanzas postobrigatorias afirma que non participa en apostas en liña. Por outra banda, o 79,6% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 64,69% postobrigatorias afirma non ter entrado nunca ou case nunca en páxinas de contido pornográfico.
Sobre a batería de cuestións sobre roles de xénero e linguaxe inclusiva, o 85,18% do profesorado e o 90,19% das familias indican que se emprega a linguaxe inclusiva nos centros escolares.
No ámbito das familias, os estudantes perciben tamén igualdade de xeito maioritario. Así, o 63,2 % dos de ensinanzas obrigatorias e o 69,3% dos de postobrigatorias afirma que se ocupan dos seus estudos os homes e mulleres da familia por igual.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.