Notas de prensa

A Coruña recibe aos principais expertos europeos en almacenamento de enerxía na reunión internacional de Alistore-ERI

Durante dúas xornadas, persoal investigador de universidades e centros internacionais de referencia presentarán os avances máis recentes en materiais para baterías, tecnoloxías de almacenamento e novos retos asociados á transición enerxética. A cidade da Coruña convértese así nun punto relevante da rede europea que lidera a innovación en enerxía electroquímica.

A Coruña acollerá mañá, 11 de decembro, o inicio da reunión internacional da rede Alistore-European Research Institute (Alistore-ERI), que reunirá durante dous días a máis de 70 especialistas europeos en almacenamento de enerxía. O encontro, de carácter estritamente privado, celebrarase na Reitoría da Universidade da Coruña e está organizado pola Vicerreitoría de Investigación da UDC, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e a Cátedra Resonac-UDC, coa coordinación de Israel Temprano, investigador Beatriz Galindo no grupo LISTE (Laboratorio de Investigación de Sistemas para la Transición Energética) e director da dita Cátedra.

Durante as dúas xornadas nas que se desenvolverá o evento, persoal investigador de universidades e centros internacionais de referencia presentarán os avances máis recentes en materiais para baterías, tecnoloxías de almacenamento e novos retos asociados á transición enerxética. A cidade da Coruña convértese así nun punto relevante da rede europea que lidera a innovación en enerxía electroquímica.

Ciencia en Movemento: actividades abertas ao público

En paralelo ao encontro científico, e coa vontade de achegar o coñecemento á sociedade, desenvolverase o programa divulgativo Ciencia en Movemento, organizado polo CICA e impulsado tamén dende a UDC e a Cátedra.

As actividades terán lugar na Biblioteca Municipal Durán Loriga, con propostas dirixidas a públicos de todas as idades:

- Venres 12/12, 19:00–20:00 — Charlas sobre baterías de nova xeración e a historia das baterías, impartidas por Israel Temprano, investigador Beatriz Galindo do CICA, e Rosa Palacín, investigadora no Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (ICMAB).
- Sábado 13/12, 11:30–13:30 — Obradoiros científicos para familias: “Experimenta coa enerxía, a luz e o movemento”. Actividades prácticas con baterías, nanomateriais, electricidade e xogos científicos.

Todas as actividades divulgativas son de acceso libre ata completar aforo.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

A Cátedra UDC –Resonac Sparking Truth

A Cátedra UDC–Resonac Sparking Truth ten como misión principal impulsar a investigación aplicada no ámbito da enerxía, con especial atención á transición cara a fontes limpas e renovables. Dirixida polo Israel Temprano, Group Leader e principal investigador no CICA e co-dirixida por Alba Tuñas, Head of Battery Business Development at Resonac (A Coruña), a cátedra naceu en setembro de 2024 da sinerxía entre Resonac GBU e o Grupo de Investigación en Sistemas para a Transición Enerxética (LISTE) da Universidade da Coruña (UDC). Esta colaboración ten como obxectivo desenvolver novos materiais e tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade dos sistemas enerxéticos, como baterías. Ademais da investigación, a cátedra tamén impulsa a formación de talento especializado e a transferencia de coñecemento entre a universidade, a industria e a sociedade en xeral.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-12-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES