Noticias

O proxecto Edugalia incorporará a intelixencia artificial á xestión educativa para mellorar o éxito escolar

Esta primeira fase abrangue o desenvolvemento, avaliación e posterior compra dunha solución de acceso á información académica e de analítica avanzada de datos para a prevención do abandono educativo, así como dunha solución de asistente virtual baseado en intelixencia artificial. Trátase, pois, de despregar un ecosistema dixital integrado que permitirá dotar o sistema educativo galego de infraestruturas analíticas avanzadas, como plataformas de intelixencia artificial, sistemas de alerta temperá e simulación de escenarios, entre outros, ao servizo do conxunto da comunidade educativa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Executivo autonómico inicia os trámites para a contratación do proxecto EdugalIA, que incorporará a intelixencia artificial á xestión e avaliación educativa para a mellora do éxito escolar. Galicia será así pioneira en España no desenvolvemento dun programa específico para “usar a IA á hora de reducir o abandono escolar e mellorar a xestión dos centros”.

O Consello da Xunta vén de dar luz verde á contratación da primeira fase deste proxecto, que xa está considerado como o mellor de España no uso da intelixencia artificial ao servizo da mellora educativa. Segundo destacou Rueda, este desenvolvemento tecnolóxico para a xestión escolar leva aparellado un orzamento total de 16,5 M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante Feder plurirrexional), dos cales saen a contratación os 13,5 M€ necesarios para executar as dúas fases do proxecto, que abarcan unha primeira de servizos de I+D e outra segunda de adquisición e despregamento das solucións correspondentes. Ademais, estáse a ultimar a contratación dunha oficina técnica de control de proceso, que completará o proxecto.

Tal e como explicou o presidente, a envergadura e solvencia desta iniciativa queda avalada polos 10 M€ que a Xunta logrou captar para este proxecto a través do proceso de Compra Pública Innovadora, o que a converte na primeira iniciativa deste ámbito e está xerando un grande interese no resto do Estado.

Datos analíticos para unha mellor toma de decisións

Esta primeira fase abrangue o desenvolvemento, avaliación e posterior compra dunha solución de acceso á información académica e de analítica avanzada de datos para a prevención do abandono educativo, así como dunha solución de asistente virtual baseado en intelixencia artificial.

Trátase, pois, de despregar un ecosistema dixital integrado que permitirá dotar o sistema educativo galego de infraestruturas analíticas avanzadas, como plataformas de intelixencia artificial, sistemas de alerta temperá e simulación de escenarios, entre outros, ao servizo do conxunto da comunidade educativa.

Grazas, precisamente, á integración de todas as fontes de datos, na práctica poderase mellorar a identificación temperá de situacións de risco no ámbito escolar, como o abandono; acadar unha maior precisión na asignación de recursos especializados ou axilizar a atención personalizada e proactiva. Isto é, en definitiva, avanzar nun modelo educativo centrado nas persoas, máis eficaz, inclusivo, personalizado e transparente. Nesta liña, Rueda destacou que o sistema permitirá “alertar sobre o posible risco de abandono escolar, saber que factores inciden nel ou detectar que centros educativos precisan máis recursos” para evitar estas situacións.

Entre outras vantaxes, o despregamento tecnolóxico desta iniciativa ao servizo da gobernanza educativa tamén suporá melloras directas sobre o alumnado e as familias. Neste sentido, crearase por primeira vez o expediente dixital único do alumnado, “é dicir, un documento que recollerá toda a vida académica do alumno”, indicou Rueda.

Tamén se desenvolverá un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias. E outro dos aspectos máis destacables é que, ao integrar todas as fontes de datos, a Administración educativa poderá facer un seguimento da redución do abandono escolar mediante o uso de técnicas analíticas avanzadas.

Tres eixes de actuación

O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.

No ámbito da gobernanza, habilitarase un novo modelo de Administración educativa dixital que permita integrar e consolidar de forma fiable información procedente de múltiples fontes e formatos. Isto axudará a avaliar as iniciativas e políticas promovidas pola Consellería a través da evolución do alumnado.

Outra das súas principais funcións será facilitar, a través da plataforma Galiorienta, integrada en EdugalIA, o traballo dos departamentos de orientación na súa contribución á prevención do abandono e no seu labor diario de atención á diversidade nos centros docentes. O obxectivo nesta vertente é que os xestores do sistema poidan analizar a súa evolución tanto de forma global como a nivel de centro educativo e programa implantado, permitindo a toma de decisións baseadas en evidencias e datos personalizados de calidade.

O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital do alumnado. Este documento poderá integrar información relevante a nivel académico vinculada á identidade dixital dos alumnos e, nalgunhas etapas educativas, dos seus titores e titoras. Incluirá datos de identificación, escolarización, académicos, sobre atención a necesidades específicas de apoio educativo, outros datos educativos e de formación relevantes e metadatos do expediente. O obxectivo é que este expediente acompañe o alumnado ao longo do seu tránsito polo sistema educativo, sobre todo nos cambios de etapa, na súa relación cos diferentes centros e administracións, e que sexa accesible desde calquera lugar e en calquera momento.

Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un novo modelo no acceso de alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo, é dicir, un punto único de contacto e acceso. A finalidade é dispoñer dun sistema co que o alumnado e os seus titores poidan interactuar arredor de aspectos vinculados coa súa relación coa Consellería, como dúbidas sobre procedementos administrativos no ámbito educativo e orientación en procedementos como a solicitude de bolsas ou a admisión de alumnado.

Todo o sistema estará deseñado baixo parámetros axeitados de protección de datos, xestión de permisos, consentimentos de cesión de información e privacidade, conforme á normativa.

Equipo asesor multidisciplinar

Tras aprobarse o proxecto e concederse o financiamento, a Xunta constituíu un equipo asesor multidisciplinar composto por investigadores das universidades galegas, dos centros de investigación máis punteiros, expertos en gobernanza educativa, pedagogos, analistas de datos e intelixencia artificial, que realizaron achegas para o deseño da arquitectura do proxecto, incluídas cuestións como a definición de indicadores, a protección de datos ou os principios éticos.

Tras varios meses de análise e traballo previo deste think tank no que se avanzou na definición dun modelo axeitado, agora dase o primeiro paso para a contratación da fase do proxecto centrada na I+D, para o deseño dunha solución innovadora nun período entre 2026 e 2028, así como da fase de despregamento da mesma prevista entre 2028 e 2030.

R., 2025-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES