
Agora, a mostra Navegar en mar aberto. Percorrendo a revista Dorna. Expresión Poética Galega recolle, na Facultade de Filoloxía da USC, a singradura da publicación dende o seu nacemento.
En 1981, promovida por un grupo de entusiastas e moi novos poetas, botábase ao mar unha publicación lírica, que, baixo o fermoso nome dunha embarcación típica das Rías Baixas, a dorna, recollía un monllo de composicións no que, naquela altura, era pouco máis que un fanzine, fresco, espontáneo e de futuro incerto, explican dende Edicións USC. Aquel fanzine foi madurecendo e, pouco e pouco, converténdose nun referente na cultura, nas letras e na estética contemporánea de Galicia.
Editada pola Universidade de Santiago de Compostela, a través de Edicións USC, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Dorna. Expresión Poética Galega é unha publicación miscelánea e periódica, sempre ilustrada por artistas específicos para cada entrega, que tradicionalmente incorpora tres seccións: Creación, onde se inclúen os poemas orixinais e inéditos de colaboradores de cada volume; Voces de Fóra, sección de traducións ao galego que se ofrecen a carón dos poemas na lingua orixinal de poetas de todas as latitudes; e Poéticas, que acolle reflexións sobre a poesía e a creación literaria dentro da ampla diversidade que ofrece o xénero da autopoética.
Dende 2024, a revista conta cun novo equipo de redacción, composto pola xa citada Mª Xesús Nogueira como directora, María Alonso Alonso, Fernando López Casal, Carlos Pérez Varela e Jorge Rodríguez Durán. A exposición inaugurada en Filoloxía pretende, ademais de facer historia, dinamizar a creación e expresión poética en galego entre as novas xeracións. O acto contou coas intervencións da profesora Nogueira; o decano do centro, Elias J. Feijó Torres; a vicedecana, Elsa González; o director de Edicións USC, Juan Blanco; e o poeta, O Leo de Matamá. Dorna publícase exclusivamente en galego.
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas especializada en feltro é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.