Notas de prensa

Do cotián ao extraordinario: a literatura experimental toma Vigo

Especialistas de dez países, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica ou Noruega, participarán o 24 e 25 de abril en Vigo no congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa.

Coa participación de investigadores internacionais e exemplos emblemáticos —de Perec a Roubaud e Garréta—, “este encontro aspira a redefinir a relación entre literatura, espazo urbano e memoria, abrindo novas perspectivas críticas e creativas”, tal e como explica Hermes Salceda, quen aclara que esta cita é, en parte, a continuación doutra previa, Pé de letra, organizada en 2009 arredor da potencialidade das letras, e o froito dunha longa traxectoria de colaboracións entre a Área de Francés da UVigo e a Université da Sorbonne Nouvelle, sobre todo co laboratorio Thalim –“un dos principais centros de investigación de Francia en literatura contemporánea”-, colaboracións que inclúen frecuentes estancias de docentes de ambas universidades, proxectos de investigación conxuntos ou a organización de eventos como o simposio Les écritures sous contrainte en Europe, celebrado en París en xuño de 2025, ou outra que xa están a organizar para a primavera de 2027 sobre distintos aspectos das escrituras potenciais.

“Do mesmo xeito que aconteceu en 2009, o noso congreso pode atraer diversos axentes culturais da cidade de Vigo, tanto do universo literario como do ámbito das artes plásticas”, aclara Salceda, quen considera que na medida en que o congreso supón unha aproximación experimental e lúdica á escritura e ao feito literario, “é probable que atraia tamén ao profesorado de instituto”.

Proxeccións no Marco desde este xoves

Nesta ocasión, o congreso arrancará no edificio Redeiras da Universidade de Vigo o xoves 24 a primeira hora da mañá, pero as actividades asociadas, abertas ao público en xeral, comezarán xa esta semana. A primeira será mañá xoves ás 19.00h no Marco coa proxección do documental Le jour de gloire de Joan Bofill sobre Raymond Roussel, un dos escritores máis enigmáticos do século XX. Partindo da longametraxe 'Impressions de l'Haute Mongolie (1976), que Salvador Dalí e o seu director José Montes-Baquer dedicaron a Roussel, diversos especialistas como Michel Butor desvelan a figura deste escritor e poeta, nunha viaxe literaria, musical e plástica que os leva de Barcelona a Mallorca, Madrid, Alemaña, Francia, Italia, Austria e EEUU. A proxección irá seguida dun coloquio co profesor da Universidade de Vigo Alberto Ruíz de Samaniego, o artista plástico Isaac Pérez Vicente e o propio Hermes Salceda, recoñecido experto na obra de Roussel.

As proxeccións continuarán ao día seguinte, venres 17, tamén ás 19.00 h. no Marco, neste caso coa proxección de Un home que dorme, filme dirixido polo escritor francés Georges Perec e o cineasta Bernard Queysanne, a partir dun guión escrito polo propio Perec, baseándose na súa novela homónima, Un home que dorme.

Exposición sobre Raymond Roussel na Galería Sirvent

A maiores, o xoves 23 ás 19.00 horas, na véspera da apertura do congreso, inaugurarase tamén na Galería Sirvent de Vigo unha exposición de Isaac Pérez Vicente sobre Raymon Roussel. “Isaac Pérez Vicente é un artista plástico galego que leva anos traballando con técnicas de creación directamente inspiradas polo Obradoiro de Literatura Potencial e por Raymond Roussel, cuxas propostas constitúen o corpus fundamental de estudo do noso congreso”, salienta Salceda.

“Espazo de encontro entre a academia, a arte e a sociedade”

Con todas estas actividades paralelas ao congreso, búscase non só “enriquecer a experiencia”, senón tamén, sobre todo, xerar un espazo de encontro entre a academia, a arte e a sociedade. Neste senso, Salceda explica que a exposición e as proxeccións “ofrecen unha mirada transversal sobre como as regras de escritura poden transformar a nosa percepción do cotiá, vinculando a creación literaria coas artes plásticas e o espazo urbano”.

Partindo da reflexión de Georges Perec sobre o “infraordinario”, o congreso exporá como as regras de escritura poden renovar a ollada sobre a vida corrente e xerar novas formas de escritura. Nesta liña os seus responsables explican como o Oulipo, creado en 1960 por Queneau e Le Lionnais, buscou fusionar matemáticas e literatura mediante trabas, o que lle valeu críticas pola súa aparente distancia do mundo real. “Porén, analízase se estas prácticas permiten unha aproximación crítica e creativa ao cotián”, dilucida Salceda, ao tempo que pon enriba da mesa exemplos como os paseos alfabéticos de Roubaud, os poemas no metro de Jouet ou o proxecto Lugares de Perec.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES