Notas de prensa

A Semana da Ciencia do IGFAE mira cara ao futuro da física

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.

Os avances tecnolóxicos acadados nas últimas décadas están ofrecendo unha nova xanela para entender mellor a materia, desde os elementos fundamentais ata a exploración do universo afastado. Proxectos como o Future Circular Collider (FCC) do CERN, o Einstein Telescope, o observatorio espacial LISA para a detección de ondas gravitacionais, experimentos como Hyper-Kamiokande, DUNE ou IceCube para a detección de neutrinos —moitos deles contan coa presenza do IGFAE— están chamados a ampliar as fronteiras da física e do noso coñecemento na segunda metade do século XXI.

Conferencia de Michelangelo Mangano

O acto central da Semana da Ciencia (Casa das Máquinas, mércores 25 de novembro, ás 19.30 horas, entrada libre) será a conferencia de Michelangelo Mangano, físico teórico italiano que liderou o Centro de Física do LHC no CERN, onde é científico titular desde 1995. O seu traballo céntrase na interpretación dos datos que ofrecen os experimentos do LHC. Mangano é un dos coordinadores do programa de física que explora o potencial do Future Circular Collider (FCC), o acelerador que se estuda construír nas vindeiras décadas para ampliar o noso coñecemento sobre o universo e os elementos fundamentais da materia.

Mangano ofrecerá a conferencia Colisións de partículas: a exploración do invisible, onde afondará sobre como os aceleradores de partículas axudan a comprender os mecanismos que rexen a natureza, desde os elementos fundamentais ata as máis grandes escalas do universo. Neste sentido, proxectos como o FCC poderían abrir unha nova xanela para seguir completando as pezas que nos faltan para entender todo o o que existe, como a materia ou a enerxía escura. A conferencia será en inglés, con tradución simultánea ao galego.

Michelangelo Mangano, orixinario de Pisa, obtivo o seu doutoramento na Scuola Normale Superiore desta cidade. Posteriormente, foi investigador no departamento de Física da universidade de Princeton (1984-1986), o grupo de teoría do laboratorio Fermilab de Chicago (1986-1988) e no Istituto Nazionale di Fisica Nucleare en Pisa, antes de incorporarse ao CERN. Entre 1988 e 2000, traballou no Collider Detector de Fermilab (CDF), onde formou parte do equipo que descubriu o quark top no ano 1995.

No ámbito da divulgación, Mangano creou no CERN en 1998 o programa High-School Teachers, que ofrece formación en física de partículas a docentes de instituto. A través da súa actividade divulgativa afonda na relación entre a física e as artes, achegándose á obra de artistas como Salvador Dalí para explicar como creatividade pode axudar a comunicar e comprender conceptos científicos e reflexionar sobre as nocións do visible e o invisible.

NerdNite e coloquio ‘Falemos de FísicAS’

O día anterior, martes 24 (Bar Riquela, 20.30 horas), comezarán as actividades da Semana da Ciencia coa NerdNite centrada na Semana da Ciencia. Baixo o título ‘A física de 2050’, ofrecerase unha visión dos principais proxectos e retos que a disciplina afrontará nas vindeiras décadas. Néstor Armesto, catedrático de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE, falará do futuro acelerador do CERN, o FCC, na charla ‘O Fucking Crazy Collider (FCC): cando o tamaño importa’; Carmina Pérez Bertolli, investigadora posdoutoral do IGFAE, abordará o porvir da astronomía de multimensaxeiro en’ Las voces del universo: ¿qué nos queda por descubrir?’; mentres que Jaime Álvarez-Muñiz, tamén catedrático de Física Teórica da USC e investigador do IGFAE, fará un percorrido pola vinculación de Francis Halzen co Instituto na charla ‘O noso anaquiño do Nobel de Física 2026’.

Finalmente, o xoves 26, ás 13.00 horas, a Aula Magna da Facultade de Física acollerá o coloquio ‘Falemos de FísicAS’. Este encontro, que contará coa presenza de persoal investigador do IGFAE e a Facultade, está especialmente dirixido a alumnas do grao de Física, co fin de reflexionar e compartir experiencias sobre a fenda de xénero nesta disciplina e outras cuestións relacionadas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES