
Segundo explica Cinzia N. Rojas, o vídeo trata sobre o desxeo e o cambio climático e céntrase tanto na imaxe coma no son. Óese un goteo, un suave crepitar, un sopro de vento case doloroso. Case unha bágoa, para dar voz a quen carece dela. Hai que aguzar o oído, prestar atención. A artista destaca a súa idea de que é hora de que a natureza e o mundo entren na historia, ante todo como suxeitos feridos, dotados da súa propia voz, que se expresa en linguaxes distintas ás nosas. Quixemos dominar de forma imprudente os recursos dos que dependemos. Atopámonos ante unha natureza en bágoas, un fenómeno de orixe exclusivamente humana. A obra exposta, engade a súa creadora, nútrese da capacidade intrínseca da materia para dar forma e transformar as formas de xeito autónomo, de modo que a obra créase en colaboración co non humano.
Gardar o que desaparece
Sobre esta proposta artística, os comisarios da mostra sinalan que o que sostén unha fotografía adoita quedar fóra da nosa atención, ollamos a paisaxe e damos por feita a superficie que permite vela. En Glaciares a derreterse, comentan, Cinzia N. Rojas imprime mediante cianotipia a imaxe dun glaciar sobre xeo. Ao derreterse o soporte, desfaise tamén a posibilidade de recoñecer o que nel estaba inscrito. A paisaxe depende da materia que a sostén. A artista prepara o proceso; a luz, a química e a temperatura continúan o traballo. A fotografía participa así dese entretecer do humano e do non humano que Joanna Zylinska sitúa no centro da súa reflexión sobre o medio.
O desxeo, engaden os curadores, obríganos a atender aquilo que a contemplación dunha fotografía adoita deixar en segundo plano: a súa dependencia dun medio material. Tamén a nosa maneira de mirar ten consecuencias. Podemos gardar milleiros de fotografías de glaciares sen que a súa acumulación protexa os territorios que representan. O vídeo, apuntan, conserva o desfacer da imaxe e abre unha fenda entre rexistrar unha perda e impedila. A conservación reborda así o arquivo e comprométenos coa continuidade dos territorios dos que as imaxes dan testemuño. Glaciares a derreterse, de Cinzia N. Rojas, titulada en Arquitectura na Universidade de Roma Tre e en Artes Visuais na Brera Academy of Fine Arts de Milán, traballa nesa distancia entre a conservación dunha imaxe e a continuidade daquilo que representa, tal e como apuntan os comisarios da mostra.
Premio da Organización
A peza exposta foi galardoada nos Premio Galicia de Fotografía Contemporánea de 2025 co Premio da Organización, posto en marcha grazas á incorporación do campus de Ourense como parceiro. A concesión deste galardón inclúe a súa exposición na Sala Alterarte e unha publicación monográfica. Na súa primeira edición recaeu en Cinzia N. Rojas por este proxecto Glaciares a derreterse.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.