Noticias

A Mostra de Teatro de Cangas concédelle a Morris o Premio Xiria ao Mellor Labor Teatral

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama, 'cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos'. O actor recibe cunha 'alegría tremenda' este galardón, 'sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín'.

Morris considera que é un 'premio colectivo' que recoñece a traxectoria 'dun montón de xente, tanto das persoas que xa non están como de outras que seguen a facer un esforzo titánico' nesta profesión. O premio será entregado o sábado 4 de xullo, ás 22:00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.

Morris foi impulsor e cofundador no ano 1978 en Vigo da compañía ‘Artello’ e da Sala Carral, 'imprescindibles na modernización do teatro galego', tal e como sinalan desde a Mostra. Desde os inicios da súa carreira, cando apenas era un adolescente, o actor traballou activamente na profesionalización e dignificación da profesión actoral así como na consolidación do sistema teatral galego. En 1984 participou na creación do Centro Dramático Galego. A MITCFC considera que ‘Morris’ é hoxe 'un referente indiscutible tanto para o público como para o sector escénico de Galicia'.

Cunha carreira interpretativa de case 50 anos, Antonio Durán traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, da televisión e do teatro en Galicia. ‘Morris’ gañou en seis ocasións o Premio Mestre Mateo. Ademais, é merecedor dun Premio Feroz polo súa interpretación na serie Fariña, e catro Premios María Casares pola súa actividade teatral.

R., 2026-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES