
Malia todo, e pese a que a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) é menor que nos ámbitos urbanos, a de mulleres emprendedoras é maior no rural (7,7%) que nas poboacións de máis de 10.000 habitantes (5,8%), conforme revelan os datos ofrecidos polo equipo.
O documento presentárono este martes na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago as profesoras da USC Loreto Fernández, directora do equipo GEM Galicia, e Isabel Neira Gómez, directora técnica do informe, xunto con Nuria Calvo, da Universidade da Coruña, directora técnica de GEM España. Ao acto asistiron o reitor da USC Antonio López, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Marta Mariño.
Datos positivos
En termos xerais, o equipo GEM destaca no seu informe que 2023 foi un ano moi positivo para a actividade emprendedora en Galicia e con melloría respecto ao anterior, cunha TEA que se sitúa nun 6,4% (6,6% homes e 6,1% mulleres) e cun 27% de persoas que aprecian oportunidades para emprender. Mais coa análise dende a perspectiva de xénero, o informe advirte de que a TEA feminina pasou do 6,7 en 2022 ao 6,1 en 2023, un cambio que veu acompañado por unha caída na percepción de oportunidades para emprender: só o 23% das mulleres perciben oportunidades na contorna fronte ao 35% dos homes, matizan.
O perfil da poboación emprendedora é de xente nova (o 45% ten entre 35-44 anos), con actividade orientada a empresas de servizos ao consumidor (48%) e maioritariamente micro-pemes (o 45% ten entre 1-5 empregados), con formación universitaria (35%) ou estudos de formación profesional (21%). O 7% das persoas emprendedoras presenta algún tipo de discapacidade e o 13% son inmigrantes. A forma xurídica maioritaria é a de autónomos (66%), sendo o 23% Sociedade Limitada e o 4% empresas de economía social. Ademais, o 10% destas iniciativas de nova creación pertencen a sectores con nivel tecnolóxico medio-alto e entre o 26-28% son innovadoras en procesos ou produtos.
Entre outras cuestións, o monográfico sobre a situación no rural que inclúe o informe sinala que en Galicia tres de cada catro persoas que viven nesa contorna ven dificultades para emprender, e o principal motivo para ser unha persoa emprendedora é o de buscar unha alternativa laboral que evite abandonar a súa zona vital, na que frecuentemente o traballo escasea.
GEM Galicia
O equipo de investigación GEM Galicia estuda o emprendemento na comunidade e realiza informes anuais para apoiar e impulsar iniciativas emprendedoras. Ten a súa sede na Universidade de Santiago de Compostela e conta con persoal investigador das tres universidades galegas, ademais de formar parte do Observatorio de Emprendemento de España (Red GEM Spain) e do consorcio Global Entrepreneurship Monitor Global (GEM Global).
O seu informe anual, que conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia, elabórase a partir dos datos recollidos de 2.000 persoas adultas e dun panel de expertas e expertos dos distintos ámbitos do sistema emprendedor galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.