//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
Este xoves 2 de xullo comeza con Carlangas unha nova edición de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados na Cidade da Cultura. O ex-líder e vocalista de Novedades Carminha chega a Santiago para presentar o seu terceiro traballo en solitario, Universo Paralelo, un disco no que recupera as guitarras e o seu son máis rockeiro e no que destacan as colaboración con artistas como Leiva e Dear Joanne. A actuación adiántase ás 20,00 horas por decisión do propio Carlangas, que aspira a reunir na cidade onde medrou o maior número de fans posible. O acceso ao concerto é libre e de balde e poderá empregarse a liña 9 do autobús urbano para subir e baixar á Cidade da Cultura.
Os últimos datos demográficos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao ano 2025 revelan un cambio de tendencia na natalidade en Galicia. Deste xeito, os nacementos medran por primeira vez en 17 anos, rexistrándose o ano pasado 13.556, un 1,54% máis que en 2024. Estes datos apuntan á estabilización dos nacementos e constatan que Galicia está conseguindo reverter as proxeccións demográficas catastróficas de hai unha década, con 157.000 galegos máis dos previstos polo INE.
Tras varias xornadas de temperaturas sufocantes que obrigaron a activar o protocolo de niveis vermello e laranxa en múltiples comarcas do interior e da costa, o Goberno galego deu por concluído oficialmente o episodio de calor intensa en todo o territorio. Segundo os últimos informes cruzados de MeteoSalud e Meteogalicia, os termómetros regresan a valores habituais para a época estival, polo que nestes momentos ningunha zona de Galicia permanece baixo avisos de alerta sanitaria ou restricións de actividades ao aire libre.
A Xunta de Galicia vén de remitir ás organizacións sindicais a proposta para adiantar a 2028 a redución de ratios na etapa de Secundaria, que será abordada na Mesa Sectorial Docente que terá lugar o vindeiro día 30. A documentación elevada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recolle que a partir de setembro de 2028 implantarase a redución de ratios ata 25 alumnos por aula na ESO fronte aos 30 vixentes no conxunto de España. Esta diminución arrancará para 1º curso de ESO e irá implementándose ano a ano e curso a curso. Unha vez completada toda a etapa de ESO, arrancará a redución a 30 alumnos por aula en Bacharelato, fronte aos 35 a nivel estatal, aínda que en Galicia xa está a 33.
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all.
Galicia situouse en 2025 como a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón de España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Segundo os datos que o Ministerio de Sanidade fixo públicos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, as campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permitiron situar Galicia nos primeiros postos, ao rexistrar 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo soamente superada por Estremadura (47/1.000) e Castela León (45/1.000).
O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas.
A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Máis de 100 concellos impartirán a partir de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas destinados á poboación non nada na Comunidade para favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva. Ao abeiro desta iniciativa, unha das medidas inmediatas postas en marcha no marco do Pacto pola Lingua para fomentar o prestixio do galego, realizáronse o ano pasado un total de 105 cursos con 1.503 participantes de ata 39 nacionalidades. Este curso está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega.
A Universidade da Coruña organiza os vindeiros 7 e 8 de xullo a XIX edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua', que terá lugar no Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, Carballo). Nesta ocasión, o encontro levará por título 'Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización'.
O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) presentouse de xeito oficial nun acto institucional que tivo lugar na Facultade de Veterinaria da USC. O iTERRA aspira a consolidarse como un referente nacional e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións ante os grandes retos do século.
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar o premio María Josefa Wonenburger Planells 2026 á doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, Yolanda Prezado. Este galardón, que lle foi comunicado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pretende recoñecer o seu labor de investigación no eido da radioterapia e a decisión foi acadada por consenso e unanimidade.
O mercado de Sabarís converteuse nun gran laboratorio científico coa celebración da quinta expo-feira da UVigo 'A ciencia que vén ten nome de muller', iniciativa que reuniu máis de 300 escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.
O recente incidente sanitario no buque de expedición Hondius, detectado en augas canarias con portadores de hantavirus, acendeu as alarmas sobre a fraxilidade da saúde global. O caso do Hondius, un claro exemplo de zoonose -enfermidades que saltan de animais (neste caso, roedores) a humanos- pon de manifesto unha vez máis a relevancia de impulsar investigacións nesta liña desde diferentes perspectivas.
Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
O proxecto europeo MAREST, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, celebrou este martes a súa reunión de arranque (kick-off), que marca o inicio oficial das súas actividades científicas e de coordinación entre socios. O obxectivo do programa é reforzar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e á cohesión territorial das rexións participantes.
Entre finais de abril e comezos de maio, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo a segunda campaña de sondaxes no castro de Hortas, nas illas Cíes. O proxecto foi levado a cabo en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.