Noticias

A alianza entre Intelixencia Artificial e alerta cidadá lidera as novidades na detección dos incendios forestais

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2026) afronta a súa vindeira campaña coa maior dotación económica da súa historia, alcanzando un total de 213 millóns de euros (un 18 % máis que o ano anterior). Non obstante, alén do esforzo orzamentario en persoal e infraestruturas, o deseño estratéxico para este ano destaca pola integración de tecnoloxía de vangarda e ferramentas de participación cidadá dirixidas a optimizar a detección temperá e a capacidade de resposta operativa no monte.

Detección temperá: O debut de ALume e a vixilancia intelixente

A gran novidade no eido tecnolóxico é o lanzamento de ALume, unha nova aplicación móbil xa dispoñible para sistemas Android e iOS. Esta ferramenta, deseñada cunha interface moi intuitiva, actúa como canle complementaria ao teléfono tradicional 085 e permite que calquera cidadán envíe de xeito inmediato a localización exacta dun foco de lume, achegando ademais imaxes, gravacións de son e observacións en tempo real.

O despregue tecnolóxico compleméntase coas seguintes innovacións estruturais:

- Intelixencia Artificial aplicada: O sistema interno de xestión, o Xeocode, incorpora IA para procesar as imaxes da rede de cámaras, permitindo xerar alertas automáticas e inmediatas ao detectar columnas de fume ou focos iniciais, sen requirir unha intervención humana previa nin aviso telefónico.
- Ampliación da videovixilancia: A rede de cámaras medra un 30 %, alcanzando as 241 cámaras distribuídas en 111 localizacións estratéxicas do territorio galego.
- Drons de última xeración: Incorpóranse tres unidades aéreas tripuladas de forma remota para supervisar e actuar de forma específica en zonas de difícil acceso ou orografía complexa.

Noticia
Reforzo operativo: Máis brigadas e especialización en grandes incendios

O dispositivo humano e material, que volverá contar con máis de 7.000 profesionais coordinados, contabilizando tanto os da Xunta como os adscritos a outras administracións, experimenta cambios significativos na súa estrutura para adaptarse ás novas tipoloxías de lumes de gran intensidade:

- Unidade de Directores de Extinción (UDEX): A unidade especializada en grandes incendios forestais refórzase, pasando de 6 a 15 membros.
- Brigadas de Reforzo: Incorpóranse 42 novas brigadas (de catro compoñentes cada unha) destinadas especificamente á tempada de alto risco.
- Medios Aéreos: Súmanse catro novas aeronaves (dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado), ascendendo a 24 os medios dependentes directamente da administración autonómica.
- Maquinaria Pesada en Terra: Incorpóranse 16 novos bulldózeres para labores preventivos. En terra con preto de 380 motobombas e vehículos pesados.

Así mesmo, estase a avanzar no eido das infraestruturas de apoio coa execución e mellora de instalacións clave, entre as que destacan a nova base de helicópteros de Lalín e o próximo aeródromo de Valga.

Estratexia preventiva e revisión de zonas de alta actividade

No eido das actuacións preventivas, está previsto actuar directamente sobre unha superficie total de 33.880,41 hectáreas mediante a creación e mantemento de áreas cortalumes, faixas auxiliares, mellora de pistas forestais; a realización de queimas prescritas; os convenios coas entidades locais e as accións enmarcadas dentro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios. A dotación do convenio para a xestión da biomasa en faixas secundarias duplícase ata acadar os 25 millóns de euros anuais, reforzando así o apoio que se lle presta a propietarios e administracións locais para cumprrnir coas súas obrigas de xestión da biomasa.

Ademais, actualizouse o mapa de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Nesta revisión entran 11 novas parroquias e saen dúas (Santigoso, no concello da Mezquita, e Pardo de Limia, en Muíños), situando o cómputo total para esta campaña en 35 parroquias cualificadas baixo este criterio de especial vixilancia (fronte ás 26 do ano anterior).

No eido da formación, o obxectivo é seguir a liña dos últimos anos e afondar na mellora da profesionalización e seguridade do persoal para conformar un dispositivo máis eficiente e capacitado para afrontar as novas tipoloxías de incendios forestais. Neste ano están previstos cursos monográficos, accións de adestramento do persoal e iniciativas formativas para medios das entidades locais e tamén dirixidas á poboación. Todo isto conta cun orzamento conxunto de preto dun millón de euros.

O Pladiga contempla ademais o impulso dun proxecto piloto orientado a reforzar a colaboración da poboación local de cara á vixilanciados incendios forestais das comunidades de montes veciñais en man común. Esta iniciativa está xa en marcha coa colaboración da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño a través da rede "Ollos no Monte", coa que se organizan equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán. Este programa ten repercusións moi beneficiosas e estase traballando para replicar noutras zonas do territorio.

R., 2026-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

O proxecto Sensoxenoma chega xa ao seu quinto aniversario. Esta iniciativa dos grupos GenPoB e GenVip da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) reuniu en todo este tempo máis de 5.000 participantes, más de 1.500 doantes e recolleu máis de 20.000 mostras biolóxicas para constatar que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas.
O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab é un dos socios do proxecto europeo Spark4B+, que reúne 17 institucións e entidades de nove países co obxectivo de desenvolver ferramentas que permitan 'construír futuros xustos e positivos para a biodiversidade'. A clave da novidade do proxecto é a idea de explorar iniciativas alternativas impulsadas pola comunidade, para protexer e restaurar a biodiversidade, nunha variedade de contextos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES