Noticias

Concedida a Medalla de Galicia para catro mulleres que son exemplo da integración, arraigo e o compromiso da colectividade galega no exterior

Unha das Medallas recae en Claudia Álvarez, empresaria arxentina de orixe galega, que preside o grupo Álvarez Argüelles Hoteles. Un negocio familiar que comezou en Mar del Plata e que conta con hoteis en distintos puntos de América. Outra das galardoadas é a fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil, que mantén unha estreita colaboración co asociacionismo galego en Zúrich. A terceira Medalla homenaxea a Carla Angola, filla dunha ourensá exiliada tras a guerra civil española, e hoxe 'unha das xornalistas máis influentes de Venezuela'. A cuarta Medalla de Galicia é para a odontológa Camila Fernández, unha das profesionais máis relevantes no Brasil.

O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe conceder a Medalla de Ouro de Galicia a catro galegas do exterior que son un exemplo de integración, arraigo e de contribuír a facer medrar o país de destino dos seus antepasados sen esquecer a súa terra de orixe. 'Trátase do galardón máis importante que entrega a Xunta e, este ano, homenaxea á colectividade galega no exterior', indicou.

Rueda lembrou que, nesta ocasión, as Medallas de Galicia buscan recoñecer 'non só a aqueles galegos que hai décadas tiveron que saír de Galicia' senón aos seus descendentes que 'son un exemplo de integración e compromiso que co seu talento e traballo seguen a engrandecer' os territorios aos que emigraron os seus familiares, e 'sen esquecer as súas raíces'.

Unha das Medallas de Galicia recae en Claudia Álvarez, empresaria arxentina de orixe galega, que preside o grupo Álvarez Argüelles Hoteles. Un negocio familiar que comezou en Mar del Plata e que agora conta con hoteis en distintos puntos de América. Ademais, mantén un forte vínculo con Galicia 'a través do seu cargo como vicecónsul honoraria de España en Mar del Plata'.

Outra das galardoadas deste ano é a fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil, que mantén unha estreita colaboración co asociacionismo galego en Zúrich 'ao participar en actividades sociais e culturais'.

A terceira Medalla de Galicia homenaxea a Carla Angola, filla dunha ourensá exiliada tras a guerra civil española, e hoxe 'unha das xornalistas máis influentes de Venezuela'. Logo de 18 anos de carreira profesional en Globovisión -onde se consolidou como presentadora e analista política-, trasladouse ata Miami e dirixe a súa propia plataforma de comunicación dixital que conta con millóns de seguidores nas redes sociais.

Por último, o Consello aprobou concederlle tamén a Medalla de Galicia a odontológa Camila Fernández, unha das profesionais máis relevantes neste eido no Brasil. Rueda salientou tamén a súa actividade académica e científica e o seu vínculo con Galicia ao exercer como presidenta da Asociación de Empresarios Galegos en Río de Janeiro.

Rueda explicou que a entrega das Medallas de Galicia terá lugar, como é habitual, o vindeiro 24 de xullo nun acto en Santiago de Compostela.

R., 2026-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES