Notas de prensa

A USC acolle a finais de agosto o congreso internacional da asociación de maior relevancia nos estudos ingleses en Europa

A European Society for the Study of English, a asociación de maior relevancia nos estudos ingleses en Europa, desenvolverá o seu 18º congreso internacional en Santiago do 31 de agosto ao 4 de setembro. Este encontro reunirá preto de 800 investigadores de máis de 33 países europeos, ademais de Xapón, Estados Unidos, Canadá ou a India, que debaterán sobre os avances no campo da lingüística inglesa e da literatura e a cultura dos países anglófonos.

O programa científico do evento inclúe 15 conferencias semi-plenarias, 12 pósters, catro mesas redondas, 69 seminarios e tres conferencias plenarias, que estarán impartidas por Karen Corrigan (Universidade de Newcastle, Reino Unido), especialista en lingüística de corpus e dixitalización de ciencia aberta; Jopi Nyman (Universidade de Finlandia Oriental, Finlandia), unha das figuras chave nos estudos de fronteira na literatura actual; e a autora escocesa A. L. Kennedy, galardoada, entre outros, cos premios literarios Lannan, Costa, Heinrich Heine e Somerset Maugham. O congreso tamén acolle unha nova edición do Doctoral Symposium da asociación onde persoal investigador novel presentará os seus proxectos.

O comité organizador de ESSE está integrado por 16 docentes do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC. Ademais do apoio de ESSE, das 33 asociacións nacionais de países europeos que a conforman, o congreso ESSE2026 conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Turismo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Santiago de Compostela. Tamén forman parte da organización os grupos de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC ‘Applied Linguistics to the Teaching and Learning of English, Translation and Textual Design’, ‘Discourse & Identity’, ‘Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ e os proxectos ‘English in Social Media. Theoretical and Applied Perspectives’ (PID2021-122267NB-I00), ‘Posthuman Intersections in Irish and Galician Literatures’ (PID2022-136251NB-I00) e ‘Eco-Refugees: Borders and (Non-) Human Mobility in Literature in English’ (PID2024-157339NB-I00, MICIU/AEI/10.13039/ 501100011033 / FEDER, EU).

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES