
En termos porcentuais, o incremento máis acusado concéntrase nos ciclos superiores de FP Dual Intensiva, que medran un 15,34%, con 2.458 solicitudes recibidas. Tamén destacan os ciclos medios na modalidade ordinaria, que medran un 6,47% con 13.853 solicitudes recibidas (842 máis), o que está aliñado coa gran demanda de técnicos que hai nestes momentos.
Forte aumento da FP Acelerada
Por outra parte, tamén experimenta unha demanda alcista a nova modalidade de FP Acelerada, unha proposta pioneira e exclusiva de Galicia que se implantou por primeira vez o curso pasado a modo de experiencia piloto. Este ano, o segundo que está vixente, acada as 409 solicitudes, fronte as 146 rexistradas no mesmo período o ano anterior. Cómpre lembrar que esta modalidade, enmarcada nos obxectivos do Plan FPGal360 para a redución do abandono e a recualificación profesional de determinados colectivos, está concibida como formación concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración (depende do ciclo de que se trate), que se realiza en dúas quendas ao longo do ano.
Dos 877 ciclos en réxime ordinario xa están completos 532 (o 60,66%), mentres que en outros 345 quedan prazas vacantes de cara ás vindeiras adxudicacións. No caso dos ciclos de grao medio esgotaron prazas un total de 249 ciclos (57,24%) mentres que 186 aínda dispoñen de prazas. En grao superior, 283 (64,03%) cubriron prazas, mentres que 159 aínda dispoñen de vacantes para as sucesivas adxudicacións.
Entre os ciclos máis demandados atópanse os das familias de Sanidade, onde o 95,29% das prazas xa foron cubertas nesta primeira adxudicación, de Actividades físicas e deportivas (o 92,59%) e de Imaxe e son (90,48%).
Notas de corte
En canto ás notas de acceso a ciclos superiores pola vía de Bacharelato, o de Hixiene Bucodental no Centro Integrado de FP Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) encabeza o listado cun 8,53 de corte, seguido do de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico no Colexio Aloya (Vigo) cun 7,83, o ciclo de Acondicionamento físico no Instituto Agra do Orzán (A Coruña) e o de Laboratorio clínico e biomédico no Centro Integrado de FP Leixa (Ferrol), ambos cunha nota de corte de 7,72. O listado cos 50 ciclos con maior nota de acceso consultarse no portal de FP.
Matrícula
Ata mañá, día 15 xullo ás 13,00 horas o alumnado deberá confirmar ou renunciar a praza adxudicada, xa que de non facelo quedará excluído do procedemento. En función das renuncias que haxa, é posible que ciclos que neste momento figuran como completos, a partir deste día pasen a contar con prazas dispoñibles, aínda que a maioría dispoñe de persoas en listaxe de agarda.
A segunda adxudicación de prazas será o día 20 de xullo e a terceira o 27 de xullo. Logo das tres adxudicacións, a partir do 1 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.