
Con 90 persoas participantes e 180 comunicacións presentadas (60 delas presencialmente), a programación desenvólvese de xeito mixto, con actividades no campus de Ourense e grupos de traballo tamén en liña.
70 institucións académicas
O Sidecied 2026 será inaugurado esta tarde por Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e deputado provincial; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito da UVigo; Guillermo Suárez, catedrático e profesor da Facultade de Dereito da UVigo director do evento; e Gilvan Luiz Hansen, profesor da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense (Brasil) e co director do seminario xunto ao citado Guillermo Suárez e Antón Lois Fernández. Tras a apertura terá lugar a conferencia inaugural sobre Novas tecnoloxías dixitais e gobernanza na sociedade da información globalizada, a cargo de Bianca Kremer Nogueira, conselleira do Comité Gestor de Internet en Brasil (CGI.BR) e codirectora del Instituto DOT; e de Eder van Pelt, profesor da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense.
Segundo explican desde a súa organización, o seminario nace e fortalécese a partir dunha ampla rede de cooperación académica entre a Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, a Universidade Federal Fluminense, o Instituto Gilvan Hansen e moitas outras institucións colaboradoras. Conta co patrocinio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; o Consello Social da UVigo e Lauro Rabha Advogados. Os seus obxectivos son discutir as cuestións máis significativas ao redor da democracia e á xestión das institucións desde a perspectiva da construción da xustiza social e da sostibilidade, considerando as crises institucionais e as desigualdades presentes no escenario internacional. A cita tamén quere promover o diálogo interinstitucional, mediante o intercambio de experiencias específicas de cada institución no que respecta á temática do evento e analizar os desafíos que se presentan ao dereito no enfrontamento das crises contextuais e na construción da sostibilidade con respecto á cidadanía e á democracia. Igualmente, a iniciativa aspira a construír e consolidar redes de relación e investigación que se transformen en prometedoras alianzas académicas intercontinentais e dar a coñecer o traballo que as institucións académicas implicadas no seminario realizan en termos de contribución á sociedade contemporánea.
Ao longo das súas edicións, o Sidecied, apuntan desde a súa organización, consolidouse como un espazo de reflexión, encontro e construción colectiva sobre democracia, cidadanía, gobernanza, xustiza social e estado democrático de dereito. Chegamos a esta edición con datos que nos enchen de alegría e responsabilidade, sinalan, apuntando que son 70 institucións universitarias, académicas e de investigación as representadas por investigadoras e investigadores neste 2026. Máis que un seminario, o evento, sinalan, expresa unha rede internacional de investigación, colaboración e afecto académico.
Gobernanza institucional
Sobre a temática elixida este ano, desde a organización comentan que o seminario centra a súa atención no debate ao redor das cuestións e desafíos que se presentan ás ciencias humanas e ás ciencias sociais, especialmente ao dereito, na procura de perspectivas democráticas, xustas e igualitarias para as relacións humanas en sociedade. E iso, engaden, faise nun escenario global marcado polas constantes inestabilidades derivadas de crises institucionais, que teñen no crecemento de movementos totalitarios a nivel mundial un síntoma de exclusión e unha ameaza para a humanidade, xerando impactos globais sobre a xestión das institucións (gobernos, empresas, familias etc.) e sobre a existencia das persoas na súa inserción cotiá na sociedade. A iso, sinalan desde o seminario, súmase o xurdimento de novos proxectos hexemónicos das superpotencias globais, que parecen querer revivir o espírito imperial romano, implantando dominación a escala global.
Neste contexto, os responsables académicos explican que a participación das persoas na gobernanza institucional, nas instancias de discusión, deliberación, implementación e fiscalización das institucións, a nivel planetario, vólvese decisiva e fundamental". A cidadanía en termos mundiais, o seu exercicio e as súas múltiples posibilidades de expresión, engaden, tórnanse cada vez máis necesarias de ser comprendidas e vivenciadas. As discusións ao redor da adopción de programas internacionais efectivos de garantía do desenvolvemento sostible fronte a iniciativas que conducen á destrución da natureza vólvense urxentes". Desta necesidade, apuntan, xorde este Sidecied 2026.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.