Notas de prensa

A UVigo convoca a oitava edición dos premios de investigación, transferencia e divulgación científica do Campus Auga

A Vicerreitoría do campus de Ourense convoca a oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. O seu obxectivo é recoñecer e estimular o esforzo de persoal docente e investigador e de alumnado no desenvolvemento das diferentes liñas de especialización sobre as que traballa o Campus Auga.

A iniciativa xorde tendo en conta que unha das accións estratéxicas do Campus Auga, campus de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, é premiar este esforzo da comunidade universitaria no desenvolvemento da súa singularización. Mediante estes galardóns, a institución académica recoñece o traballo do persoal docente e investigador, persoal investigador e estudantado no ámbito da investigación, transferencia e a divulgación científica en temáticas relacionadas coas liñas de especialización do Campus Auga. “Trátase de contribuír desta forma a mellorar a proxección investigadora e social do campus de Ourense-Campus Auga, como un campus líder nestas temáticas”, sinálase na convocatoria.

Teses, traballos fin de estudos, accións divulgativas e contribucións científicas

Os premios contan con diferentes modalidades, habendo premio para o traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica de alto impacto publicada en 2023, 2024 ou 2025; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. Cada traballo ou mérito deberá, de maneira obrigatoria, presentarse a unha das liñas de especialización (alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal) e áreas transversais de soporte (intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e ambiental) do Campus Auga.

Poderán concorrer a estes galardóns o persoal docente e investigador e o persoal investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado desta institución académica matriculado nos cursos 2023-2024 ou 2024-2025, que cumpra as condicións da modalidade do premio ao que se presenta. As candidaturas serán valoradas por unha comisión formada polo director do Campus Auga, que actuará como presidente; cinco persoas pertencentes ao sector de persoal docente e investigador, con dedicación a tempo completo e vinculación permanente, que sexan membros das comisións académicas dos programas de doutoramento adscritos ao Campus Auga, e unha persoa representante da empresa Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia. Entre os criterios que se valorarán estarán aspectos como a vinculación con algunha das categorías ou liñas de traballo indicadas na convocatoria, a calidade e rigor do traballo e o seu impacto ou utilidade.

Os premios consistirán no recoñecemento público outorgado pola Universidade de Vigo a través dunha certificación oficial que, de ser posible, será entregada nun acto institucional organizado a tal efecto. Asemade, haberá unha dotación económica que varía segundo a modalidade. En cada modalidade haberá tres premios en metálico, excepto en divulgación no que haberá un. A dotación total dos galardóns ascende a 12.000 euros e inclúese no convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES