Noticias

Unha nova edición do Sonrías Baixas converte Bueu nun dos epicentros musicais do verán

O SonRías Baixas celebrarase ata 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu, consolidado como un dos festivais de referencia do verán galego e do noroeste peninsular. O evento reunirá durante tres xornadas algunhas das propostas máis destacadas da música estatal actual, cun cartel encabezado por La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara Rave, Biznaga, Alcalá Norte, Veintiuno, Barry B. e Ultraligera, xunto a numerosos artistas emerxentes e propostas galegas que reforzan a identidade plural e innovadora do festival. Tras unha edición de récord en 2025, na que superou as súas mellores cifras de asistencia, SonRías Baixas chega á súa nova cita convertido nun importante motor de dinamización para Bueu e para o conxunto das Rías Baixas.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e no marco dos Concertos do Xacobeo, apoia unha nova edición do SonRías Baixas, que se celebrará desde este xoves, 30 de xullo, ao 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu, consolidado como un dos festivais de referencia do verán galego e do noroeste peninsular.

O evento reunirá durante tres xornadas algunhas das propostas máis destacadas da música estatal actual, cun cartel encabezado por La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara Rave, Biznaga, Alcalá Norte, Veintiuno, Barry B. e Ultraligera, xunto a numerosos artistas emerxentes e propostas galegas que reforzan a identidade plural e innovadora do festival.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, salientou que "SonRías Baixas exemplifica o modelo de festival polo que apostamos desde Concertos do Xacobeo: unha proposta de calidade, cunha personalidade propia, que combina artistas consolidados e novos talentos e que contribúe a situar Galicia como un destino cultural de referencia durante todo o ano”.

Nesta liña, destacou que "o apoio da Xunta a iniciativas como SonRías Baixas responde ao compromiso de impulsar eventos capaces de xerar un impacto positivo máis alá do ámbito musical, dinamizando a economía local, fortalecendo o tecido cultural e proxectando a imaxe dunha Galicia moderna, aberta e creativa, nunha cita premiada e consolidada”.

Marcos Gómez Román tamén puxo en valor a capacidade do festival para medrar mantendo a súa esencia: "SonRías Baixas soubo evolucionar sen perder a súa identidade nin a súa estreita vinculación co territorio. Ese equilibrio entre crecemento, proximidade e autenticidade é un dos seus grandes valores e unha das razóns polas que forma parte da programación de Concertos do Xacobeo.".

Motor cultural, turístico e económico

Tras unha edición de récord en 2025, na que superou as súas mellores cifras de asistencia, SonRías Baixas chega á súa nova cita convertido nun importante motor de dinamización para Bueu e para o conxunto das Rías Baixas. Segundo os datos da organización, a pasada edición xerou un impacto económico de 3,1 millóns de euros e arredor de 1.000 empregos directos, reforzando o seu papel como axente activo no desenvolvemento turístico, comercial e hostaleiro da comarca.

Ademais da súa dimensión económica, o festival continúa afianzando o seu compromiso coa sustentabilidade e coa mellora da experiencia do público, incorporando novamente servizos oficiais de autobús que facilitarán un acceso máis cómodo, seguro e respectuoso co medio ambiente desde diferentes puntos da provincia.

Recoñecemento internacional

O prestixio de SonRías Baixas tamén quedou reflectido recentemente nos Iberian Festival Awards 2026, nos que obtivo tres galardóns —Best Festival Photo, Contribution to Sustainability e Best Hosting and Reception— entre un total de seis nomeamentos, un recoñecemento que avala tanto a calidade da súa programación como o seu compromiso coa sustentabilidade e coa excelencia organizativa.

O festival está promovido por PlayPlan e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración de Galicia Calidade e Xacobeo 2027, o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.

R., 2026-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261111-xunta.jpg) Celébrase o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos. Na inauguración do Consello foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O festival EmigraSON pecha o cartel para a súa quinta edición, que se celebrará en Bruxelas os días 5 e 6 de marzo de 2027. As últimas incorporacións son Carlangas, 9Louro e Tapa D’Orella, ademais da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne, que protagonizará a foliada da primeira xornada. Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, é un músico orixinario de Monterroso pero compostelán de adopción. Alí fundou en 2007 Novedades Carminha, unha das bandas galegas máis exitosas das últimas décadas coa que publicou cinco álbumes ata a súa disolución en 2022.
A IA converteuse nun dos fenómenos con maior impacto social dos últimos anos, xerando ao mesmo tempo novas oportunidades e importantes interrogantes éticos, sociais e legais. As súas aplicacións están a transformar ámbitos como a educación, a comunicación, o acceso á información, o emprego ou a toma de decisións. Ao mesmo tempo, o seu avance vai acompañado de relatos, mensaxes e informacións que contribúen a facer pasar por verdade aquilo que non o é.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES