Notas de prensa

O Campus Industrial de Ferrol acolle, por primeira vez, o Campus Tecnolóxico Interuniversitario 'Compartindo o Norte 2026'

O Campus Industrial de Ferrol acolle ata o próximo mércores 8 de xullo o Campus Tecnolóxico Interuniversitario 'Compartindo o Norte 2026', unha experiencia formativa e inclusiva dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista. É a primeira vez que a cidade departamental acolle unha iniciativa destas características, organizada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidad de Cantabria (UC).

Nesta primeira edición participan un total de 30 mozos e mozas. Deles, 21 son estudantes do Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), mentres que os nove restantes pertencen ao Programa UNIDIVERSIDAD da Universidad de Cantabria (UC). Durante a súa estancia en Ferrol, todo o alumnado participante neste campamento tecnolóxico interuniversitario estará aloxado na Residencia Universitaria, situada na rúa Sánchez Barcáiztegui.

Ao longo dos próximos oito días, o programa ofrecerá unha combinación de formación práctica, actividades culturais, deportivas e de convivencia, orientada ao desenvolvemento integral das persoas participantes. Entre as propostas figuran obradoiros STEAM centrados na impresión 3D, a robótica e o deseño de videoxogos, ademais da elaboración dun proxecto colaborativo final, denominado "Ciencia Compartida". O programa incorporará tamén formación en habilidades persoais e sociais, abordando cuestións como a

comunicación asertiva, a xestión emocional, a oratoria e o traballo en equipo, co obxectivo de dotar ás persoas participantes de ferramentas útiles para a súa vida persoal e profesional.

Á programación formativa, impartida por profesorado vinculado ao Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), xunto con persoal de Gazapo Xestión (Narón) e da Fundación Enki (A Coruña), súmanse tamén diversas actividades culturais, deportivas e de lecer en Ferrol e na súa comarca. Entre elas figuran unha recepción institucional no Concello de Ferrol, visitas a Exponav e ao Arsenal, varios percorridos guiados pola cidade - un deles ao barrio de Canido - así como excursións á Fervenza do Belelle, á praia de Ares ou ao Castelo de San Felipe, ademais de iniciativas de deporte adaptado.

Cómpre salientar tamén a visita ao Castro de Esmelle, coñecido entre a veciñanza como Tralocastro, guiada polo director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós. A programación completarase cunha actividade terapéutica con cabalos, organizada en colaboración con Equiocio Ferrol, que contribuirá a mellorar as habilidades físicas, cognitivas, emocionais e sociais das persoas participantes.

O Campus Tecnolóxico Interuniversitario “Compartindo o Norte 2026” concluirá coa presentación dos proxectos desenvolvidos polo alumnado participante. De seguido, terá lugar o acto de graduación e a entrega de diplomas acreditativos, expedidos pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e máis pola Universidad de Cantabria (UC).

No acto de benvida, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, expresou o seu “máis profundo agradecemento” a todas as institucións e entidades que se implicaron na organización deste campus, “amosando que a colaboración é a mellor ferramenta para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva”. Ademais, tanto ela como a directora do Programa Espazo Compartido, Montse Muriano, subliñaron que esta iniciativa lle permite á Universidade da Coruña (UDC) reafirmar o seu compromiso coa responsabilidade social, a inclusión e a igualdade de oportunidades, “promovendo programas que integran a formación universitaria, a innovación e a participación activa na comunidade”.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-07-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES