Noticias

Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable ata 2027

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable entre este ano e 2027, o que servirá para potenciar a cociña galega como un dos piares da actividade turística, da proxección exterior e da identidade propia da comunidade autónoma. O titular do executivo autonómico asinou un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón. Durante o tempo que dure a capitalidade, organizaranse diversos tipos de actividades como campañas de difusión, elaboraranse materiais como recetarios ou revistas, así como tamén se celebrarán concursos e congresos.

O obxectivo é poñer en valor a gastronomía propia, e os produtos do mar e da terra, como un dos mellores exemplos de Galicia Calidade, e difundir este atractivo, principalmente, entre os visitantes iberoamericanos. Galicia súmase así a outros lugares que xa desfrutaron deste recoñecemento en anos anteriores como Córdoba, Bos Aires, Lima, Lisboa ou Madrid.

Na súa intervención, Rueda destacou que con esta iniciativa dáse continuidade aos esforzos que está facendo a Xunta por consolidar a gastronomía como un dos piares do turismo, tal e como se recolle na Estratexia para o sector ata 2030. Así, recordou que o 35% dos viaxeiros que visitaron a comunidade autónoma o ano pasado citaron a gastronomía como un dos principais motivos para facelo; ou que a comunidade conta con 19 restaurantes con Estrelas Michelin e 49 establecementos recoñecidos con Soles Repsol.

Ademais, valorou a importancia de obter este recoñecemento na antesala do Xacobeo 2027, no que se espera unha afluencia histórica de visitantes -moitos, precisamente, procedentes de Iberoamérica-.

No acto tamén se rubricou o Manifesto da gastronomía saudable, un documento de 10 puntos no que se propón a visión de Galicia dunha cociña saudable e sustentable para o planeta.

R., 2026-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES