Notas de prensa

Un estudo pioneiro desvela como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

No verán de 2022, unha tormenta eléctrica seca desencadeou na Serra do Courel (Lugo) o maior incendio forestal rexistrado oficialmente ata esa data en Galicia: 12.768 hectáreas afectadas en apenas dúas semanas. Agora, un equipo de investigadores da USC e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) acaba de publicar na revista internacional Fire Ecology un estudo científico que analiza como responderon as comunidades de aves a ese megaincendio durante a primeira tempada de cría posterior, unha fiestra ecolóxica crítica para avaliar a súa recuperación.

O estudo mostra que a severidade do lume foi o principal factor negativo para as aves: a maior severidade, menor riqueza de especies, menor abundancia de individuos e efectos negativos sobre a maioría dos tipos de aves analizados. Con todo, cando o incendio xerou un mosaico de zonas con distinto grao de afectación, a diversidade de aves viuse favorecida.

“Os incendios que queiman de forma heteroxénea crean unha variedade de microhábitats que permite a coexistencia de especies con necesidades ecolóxicas moi diferentes, algo que xa se evidencia tan só un ano despois do lume”, explica Fernando García, investigador da USC e da MBG-CSIC e primeiro autor do traballo. “Pola contra, os lumes que arden de forma moi severa e homoxénea tenden a empobrecer a comunidade de aves e reducen a súa capacidade de reorganización tras o incendio”. O traballo baséase no censo de 2.928 aves pertencentes a 56 especies, rexistradas en 215 puntos de mostraxe dentro e féra da área queimada.

Abandono rural e cambio climático

O Courel perdeu aproximadamente o 75% da súa poboación desde 1970 e o 85% da súa cabana gandeira. Este proceso de despoboamento transformou profundamente a paisaxe: “antigos campos e prados foron colonizados pola vexetación, aumentando tanto a carga de combustible como a súa continuidade espacial”, explican os investigadores. A este escenario súmase o cambio climático, “que intensifica as secas estivais e as ondas de calor”, engaden. No verán de 2022, o máis cálido rexistrado en España, a combinación dunha paisaxe con elevada acumulación de combustible e unhas condicións meteorolóxicas moi favorables para o lume favoreceu a propagación do primeiro megaincendio rexistrado oficialmente en Galicia.

Un dos achados máis relevantes do estudo apunta directamente á xestión post-incendio: as árbores carbonizadas que permanecen en pé son estruturas ecolóxicas de enorme valor. O estudo mostra que estes elementos son especialmente importantes nas zonas queimadas para as aves forestais e as especies que nidifican en cavidades, xa que ofrecen recursos valiosos como refuxio, pousadeiros, zonas de alimentación e lugares onde nidificar tras o lume. A súa retirada sistemática do ecosistema —práctica habitual baixo o argumento do saneamento forestal— supón un enorme impacto para as comunidades de aves máis dependentes dos bosques.

O estudo documenta tamén un efecto paradoxal de gran relevancia conservacionista. Aves de espazos abertos, como a pica campestre ou a curuxeira común, apareceron exclusivamente nas zonas queimadas, onde o incendio xerara terreos despexados en áreas que antes presentaban unha vexetación demasiado densa para elas. Estas e outras especies ligadas a ambientes agrícolas tradicionais son as que enfrontan maiores problemas de conservación en Europa, en boa medida porque o avance da vexetación arbustiva derivado do abandono rural foinas expulsando do territorio. O lume ábrelles, polo menos de forma temporal, unha fiestra de oportunidade que a paisaxe abandonada lles nega.

A memoria do bosque

Os resultados revelan ademais que a resposta das aves non depende só das características do incendio, senón de como era o ecosistema antes do lume. Os parches de vexetación que escaparon ás chamas actuaron como refuxios para as especies máis sensibles e como focos de recolonización das zonas afectadas. "O ecosistema non parte de cero tras o lume", sinala Fernando García, "a súa recuperación está condicionada pola historia do territorio: a estrutura previa da vexetación e os elementos que resisten tras a perturbación". A un ano do incendio, advirten os autores, estes procesos están aínda nas súas etapas iniciais; o seguimento a longo prazo será fundamental para entender a evolución completa.

O mesmo equipo xa utilizara as aves como bioindicadores para avaliar o impacto ecolóxico das plantacións de eucalipto no Parque Natural das Fragas do Eume, e agora aplica este enfoque ao estudo dos grandes incendios forestais.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES