Notas de prensa

Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas

O proxecto Sensoxenoma chega xa ao seu quinto aniversario. Esta iniciativa dos grupos GenPoB e GenVip da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) reuniu en todo este tempo máis de 5.000 participantes, más de 1.500 doantes e recolleu máis de 20.000 mostras biolóxicas para constatar que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas.

En concreto, “unha experiencia tan cotiá como escoitar música pode deixar unha pegada molecular medible tan só transcorridos 25 minutos desde o comezo do estímulo”, explica o profesor da USC Antonio Salas en referencia á exposición musical en persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Ademais, noutro estudo, a análise do proteoma das bágoas identificou 14 proteínas con cambios reproducibles tras a estimulación musical.

O 25 de setembro, o concerto Sensoxenoma26 servirá de marco para celebrar o quinto aniversario do proxecto convertendo de novo o Auditorio de Galicia nun enorme laboratorio cidadán. Como en anos anteriores, recolleranse mostras de sangue, saliva e bágoas. Arredor de 200 persoas do público participarán como doantes grazas á colaboración con doce asociacións de pacientes e coas persoas voluntarias que se inscriban a través da web do proxecto. Así o explicaron este xoves 10 os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón na rolda de prensa de presentación de resultados do proxecto. A investigación conta coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago e o Auditorio de Galicia.

“Para a USC é unha honra participar un ano máis neste proxecto pioneiro no que ciencia e música camiñan collidas da man porque precisamente iso é a Universidade, un espazo no que a investigación e a creatividade, o coñecemento e as emocións, se fusionan”, explicou a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón. “Non poido estar máis de acordo coa filosofía de Sensoxenoma, unha iniciativa que lle amosa ao noso estudantado e á comunidade universitaria no seu conxunto que os límites do coñecemento están en permanente expansión e que a ciencia é un elemento indispensable para mellorar a calidade de vida das persoas e para acadar unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”, engadiu.

Territorio científico inexplorado

Hai cinco anos, unha pregunta tan sinxela como difícil de responder abriu un territorio científico practicamente inexplorado: que sucede no noso organismo cando escoitamos música? Hoxe Sensoxenoma empeza a respondela con datos medibles en xenes, proteínas e outros niveis da nosa bioloxía. Sensoxenoma naceu en setembro de 2022 para estudar de forma sistemática a resposta biolóxica humana ante os estímulos musicais. O proxecto foi concibido e desenvólvese integramente polos grupos de investigación GenPoB, liderado polo catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga, e GenVip, liderado polo catedrático da USC Federico Martinón-Torres, coa coordinación da Laura Navarro. Para abordar un campo no que practicamente todo estaba por facer, o equipo tivo que desenvolver novos conceptos, metodoloxías e aproximacións experimentais. “Cando comezamos Sensoxenoma, partiamos practicamente de cero. Foi un salto ao baleiro. Non había un marco establecido para estudar de xeito sistemático como un estímulo musical podía modificar a nosa resposta biolóxica. Tivemos que crear incluso o concepto de sensoxenoma e desenvolver métodos para formular e responder preguntas que antes nin sequera estaban expostas”, explica Antonio Salas, investigador principal do proxecto.

Co paso dos anos, aquela aposta converteuse nunha plataforma interdisciplinaria que estuda a resposta á música en distintos niveis biolóxicos: expresión xénica, proteómica, microbiota e outros sinais fisiolóxicos, a partir de mostras de sangue, saliva e bágoas. A estas liñas súmanse proxectos de xenómica evolutiva orientados a comprender as raíces ancestrais da capacidade humana para procesar estímulos musicais. “Xa non só nos preguntamos se a música produce unha resposta biolóxica, senón que mecanismos están implicados, canto dura esa resposta, como varía entre persoas e se podemos utilizala para comprender mellor os procesos relacionados coa saúde”, sinala Federico Martinón. “Unha das grandes fortalezas de Sensoxenoma foi crecer desde unha pregunta científica inicial ata converterse nun proxecto multidisciplinar, aberto á sociedade e capaz de xerar novas preguntas. Construímos unha comunidade na que investigadores, profesionais sanitarios, asociacións de pacientes, estudantes e cidadáns forman parte do proxecto”, engade Laura Navarro.

Novas evidencias en autismo

O quinto aniversario chega acompañado de novos resultados que permiten pasar dunha pregunta xeral (se a música produce efectos biolóxicos) a outra moito máis precisa: que cambios moleculares poden detectarse despois de escoitala. As investigacións máis recentes abarcan desde a evidencia clínica dispoñible sobre intervencións musicais no TEA ata a identificación de cambios reproducibles na expresión de xenes de células da mucosa oral. Un dos traballos é unha revisión sistemática e metaanálise sobre música e TEA. En conxunto, os estudos analizados suxiren efectos favorables das intervencións musicais en diferentes dominios, entre eles a interacción social, determinados compoñentes da comunicación verbal, o comportamento e a calidade de vida. Os autores sinalan o potencial da música como intervención non invasiva e atractiva, pero subliñan tamén a heteroxeneidade da evidencia e a necesidade de estandarizar mellor as intervencións e as medidas utilizadas para avaliar os seus efectos. Outro estudo dá un paso máis e analiza directamente a resposta molecular á música en persoas con TEA. Mediante un sinxelo frotis bucal e un panel dirixido de expresión xénica, o equipo identificou 33 xenes candidatos nunha cohorte inicial. Vinte reproduciron o seu sinal nunha cohorte independente e 13 mantiveron significación estatística. Entre os procesos implicados aparecen a inmunidade innata e as vías inflamatorias. Ademais, o estudo identifica unha firma molecular de dous xenes capaces de diferenciar as mostras obtidas antes e despois da exposición musical en persoas con TEA. A resposta pode detectarse xa tras 25 minutos de exposición, cun patrón intermedio entre a situación basal e a observada ao finalizar a estimulación. “Unha experiencia tan cotiá como escoitar música pode deixar unha pegada molecular medible tan só transcorridos 25 minutos desde o comezo do estímulo. Poder reproducir esa resposta en cohortes independentes e observar ademais a súa dinámica temporal achéganos á posibilidade de utilizar estes sinais para monitorizar bioloxicamente determinadas intervencións musicais”, explica Antonio Salas.

Que pode achegar a investigación experimental

Outra liña do proxecto revisa sistematicamente a evidencia sobre os efectos da exposición musical en modelos murinos. O seu obxectivo non é extrapolar directamente os resultados animais ás persoas, senón analizar de forma crítica que se observou e que mecanismos merecen ser investigados. A revisión examinou 276 publicacións e seleccionou 65 estudos realizados entre 2000 e 2025. En conxunto, describen asociacións entre a exposición musical e variables relacionadas con aprendizaxe, ansiedade, sociabilidade, neuroplasticidade, conectividade sináptica e determinados parámetros fisiolóxicos. Para Sensoxenoma, este traballo permite situar a investigación en humanos nun contexto amplo de investigación biolóxica experimental, identificar mecanismos plausibles e delimitar novas hipóteses. Trátase, por tanto, dun mapa crítico da evidencia dispoñible e non dunha extrapolación directa de resultados animais a humanos.

As bágoas revelan outra dimensión da resposta molecular á música

Outro dos resultados salientables procede do estudo do proteoma das bágoas. Mediante espectrometría de masas, o equipo analizou miles de proteínas en mostras recollidas antes e despois dun estímulo musical estandarizado, incorporando cohortes independentes de participantes expostos a música e grupos de control non expostos. A análise identificou 14 proteínas con cambios reproducibles tras a estimulación musical que permaneceron significativos despois de corrixir por comparacións múltiples. As proteínas e redes identificadas converxen en procesos relacionados coa defensa do organismo e a inmunidade innata, a inflamación, e sinalización extracelular. A clave do achado é a súa reproducibilidade. A firma molecular non só diferenciou as mostras tomadas antes e despois da estimulación musical: o efecto apareceu de forma concordante en dúas cohortes de doantes correspondentes a dous anos diferentes e non se observou o mesmo patrón nos dous grupos de control sen exposición musical. “A reproducibilidade é un dos grandes retos da investigación biomédica. Atopar unha resposta molecular concordante en cohortes independentes, recollidas en anos diferentes, e que ademais non aparece nos controis, indícanos que non estamos ante unha observación illada, senón ante un sinal biolóxico que merece ser estudada en profundidade”, destaca Salas. O traballo mostra ademais o potencial das bágoas como fonte minimamente invasiva para investigar a bioloxía asociada a experiencias sonoras e emocionais, e abre unha nova vía experimental dentro de Sensoxenoma.

Sensoxenoma26: cinco anos convertendo música en ciencia

O próximo 25 de setembro de 2026 celebrarase no Auditorio de Galicia o Concerto Sensogenoma26, coincidindo co quinto aniversario do proxecto. Será unha nova edición dun encontro que resume a súa filosofía: converter a música nun punto de encontro entre ciencia, cultura, saúde e sociedade. Como en anos anteriores, o auditorio converterase nun espazo experimental para a recollida de mostras de sangue, saliva e bágoas. Desde hai varios anos, Sensoxenoma colabora co equipo de investigación de Adriana Conceição, do Centro de Investigación en Psicoloxía da Universidade do Minho, e con MediaProbe para estudar en tempo real a resposta emocional e psicofisiolóxica do público durante os concertos. Mediante sensores electrodérmicos rexístranse as variacións na actividade do sistema nervioso autónomo asociadas á activación emocional e a súa relación cos distintos momentos da experiencia musical. Segundo Antonio Salas, “a pregunta agora é moito máis ambiciosa: que significa esa resposta, por que ocorre, que mecanismos a explican e se podemos aprender a utilizala para mellorar a nosa comprensión da saúde humana”. Nese camiño, a música deixou de ser unicamente un fenómeno cultural para converterse tamén nun extraordinario estímulo experimental.

As invitacións gratuítas para asistir como público xeral poderán recollerse desde o 15 de setembro a través da web Compostela Cultura e nos despachos de billetes da Zona C Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1). En caso de existir aínda localidades dispoñibles o día do concerto, tamén se poderán retirar no Auditorio de Galicia desde as 18.30 horas. Dirixido por Roberto Baltar, o concerto desta edición, esta edición contará ademais coa participación do recoñecido musicólogo, escritor e xornalista Martín Llade, presentador de Sinfonía da Mañá (Radio Clásica) e Premio Ondas 2026.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES