
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación oficial desta cita e destacou que "Son & Mar A Coruña amosa como un proxecto novo pode consolidarse e medrar en moi pouco tempo. Nesta segunda edición duplica a súa programación e amplía a súa duración, confirmando a boa acollida dunha proposta que reforza a oferta turística da cidade e contribúe a atraer visitantes a través da música en directo".
O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo continúan configurando unha programación diversa en toda Galicia, apoiando eventos capaces de complementar a oferta turística dos distintos territorios e contribuír á desestacionalización a través da actividade cultural.
A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos. Esta evolución reforza a vocación do ciclo de consolidarse como unha das novas citas musicais de referencia do calendario galego, ao tempo que dinamiza a actividade cultural e turística da cidade durante varias semanas.
Programación
A programación reunirá propostas para públicos moi diversos, combinando artistas internacionais, figuras destacadas do panorama nacional, talento galego e eventos temáticos. A apertura terá lugar o 18 de setembro coa actuación do recoñecido DJ italiano Gabry Ponte, un dos grandes referentes da música electrónica internacional.
O 19 de setembro celebrarase PicaPop Tardeo, mentres que o 20 de setembro chegará Mundo Juego, unha xornada gratuíta dirixida ao público familiar. A programación continuará o 25 de setembro con Sacro by Mëstiza, unha proposta que fusiona música electrónica e raíces mediterráneas, seguida o 26 de setembro por Romance & Perro, unha cita centrada nos novos xéneros latinos e urbanos. O 27 de setembro celebrarase Orballo Cultural, evento gratuíto protagonizado polo talento galego.
Xa no mes de outubro, o ciclo ofrecerá Equis o día 2; Brétema Fest o 3, un festival centrado en proxectos emerxentes; Mestizo Runner o 4, que mestura deporte e participación cidadá; Bresh XXL o 9; e One Dance Tardeo o 10. Son & Mar A Coruña culminará o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, completando unha programación que reforza o carácter plural e aberto do proxecto.
Co apoio dos Concertos do Xacobeo, Son & Mar A Coruña continúa medrando como unha proposta que combina música en directo, dinamización urbana e promoción turística, contribuíndo a ampliar a oferta cultural da cidade e a consolidar o porto coruñés como escenario para grandes eventos musicais.
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.