Notas de prensa

O proxecto Eclipse 2026.8.12 convida á cidadanía a vivir a eclipse total de Sol en Lugo

O próximo 12 de agosto de 2026 terá lugar un dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das últimas décadas: unha eclipse total de Sol. Con motivo deste acontecemento excepcional, o proxecto Eclipse 2026.8.12 organizará en Lugo unha observación pública para que a cidadanía poida desfrutar dun dos grandes fenómenos astronómicos do século nas mellores condicións posibles.

Desta forma, a organización anima á cidadanía a desprazarse ata Lugo, un dos mellores enclaves de Galicia para ver a eclipse total de sol, onde a fase de totalidade terá unha duración aproximada de 1 minuto e 23 segundos, convertendo a cidade nun dos mellores lugares de Galicia para observar este fenómeno.

Durante a xornada habilitaranse dous puntos de observación, situados no adarve da Muralla Romana e no Parque Rosalía de Castro, equipados con telescopios solares de luz branca e H-alfa. Ademais, as imaxes captadas polos telescopios proxectaranse nunha pantalla xigante para facilitar o seguimento das diferentes fases da eclipse e permitir observar detalles do Sol que non son perceptibles a simple vista. As persoas asistentes tamén recibirán lentes homologadas para garantir unha observación segura.

Co obxectivo de facilitar a participación, a organización ofrecerá un servizo gratuíto de autocares desde Santiago de Compostela. A saída terá lugar o 12 de agosto ás 10:30 horas desde a parada situada na rúa de Lope Gómez de Marzoa, fronte ao edificio de FEUGA, no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. O regreso á capital galega desde Lugo está previsto para as 22:30 horas, unha vez rematada a actividade.

A participación é gratuíta, aínda que será necesaria a inscrición previa a través da páxina web do proxecto (https://eclipse2026lugo.gal). As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a capacidade dispoñible.

O proxecto Eclipse 2026.8.12, cuxo director científico é o profesor da USC Manuel Andrade Baliño, convida así á cidadanía a vivir unha experiencia científica e divulgativa única, aproveitando unha oportunidade que non volverá repetirse en Galicia ata dentro de varias décadas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES