Notas de prensa

O proxecto Saberes do Monte impulsa un modelo de monte vivo construído desde o territorio

O proxecto Saberes do Monte vén de celebrar a súa presentación oficial en Lugo, nun encontro que reuniu a preto de 70 asistentes das entidades socias, institucións colaboradoras, comunidades de montes, empresas e persoas vinculadas aos cinco territorios nos que se desenvolverá o proxecto para compartir unha visión común sobre o futuro dos montes galegos.

O consorcio, integrado pola Fundación Juana de Vega, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, traballará durante os próximos dous anos e medio, ata setembro de 2028, en cinco áreas piloto na Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e Serra da Groba, localizadas en doce concellos rurais: O Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira, Cervantes, Folgoso do Courel, Oia e O Rosal.

A iniciativa promoverá actuacións orientadas á conservación e restauración de hábitats de alto valor ecolóxico e ao impulso de actividades que contribúen a manter vivo o territorio. Farao co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Tamén colaboran co proxecto a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.

Un proxecto que une conservación e desenvolvemento rural

A iniciativa aposta por reforzar actividades como a gandaría extensiva, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo, favorecendo a súa valorización a través da marca colectiva Saberes do Monte. Ademais, promoverá acordos de custodia do territorio, actuacións de restauración ecolóxica e mecanismos innovadores de financiamento que contribúan a recoñecer os beneficios ambientais e sociais xerados polas persoas que coidan o monte.

A continuación benvida institucional, representantes das entidades socias achegaron os antecedentes do proxecto, os seus obxectivos, as principais liñas de actuación e os próximos fitos previstos nas cinco áreas piloto. A presentación foi a cargo de Beatriz Suárez, directora da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega; Laura Lagos, investigadora da Universidade da Coruña; Ramón Alberto Díaz, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e Óscar Rivas, secretario da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

A experiencia do territorio, protagonista do encontro

A segunda parte da xornada deu voz ás persoas que viven e traballan nas áreas piloto do proxecto: Isolina Rodríguez, secretaria da Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo (Cervantes); Marcos Reinoso, promotor da iniciativa Pía Paxaro - Sendeiros da Natureza (Folgoso do Courel); Alejandro Fernández, presidente da CMVMC Frexulfe (O Valadouro); e Marta Liñares, comuneira da CMVMC de Barcela e Vilauxín (Negueira de Muñiz).

Durante o coloquio coincidiron en destacar o valor que achega para as comunidades locais a participación neste tipo de proxectos, xa que lles permite acceder a coñecemento técnico e formar parte de redes e espazos colaborativos que axudan a impulsar as súas actividades.

Un camiño que comeza

Tras a presentación oficial, Saberes do Monte iniciará o desenvolvemento das primeiras actuacións previstas nas cinco áreas piloto. Ao longo dos próximos meses avanzará na caracterización dos hábitats e dos servizos ecosistémicos que prestan, na procura de mecanismos innovadores de financiamento, no establecemento de acordos de custodia do territorio, na restauración de áreas estratéxicas e no impulso da marca colectiva Saberes do Monte, co obxectivo de contribuír á conservación da biodiversidade e ao fortalecemento dun rural vivo e dinámico.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES