Notas de prensa

48 novas empresas participarán no Pont-Up Store

Un total de 48 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo terceira edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para a Innovación e o Emprendemento Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Zona Franca, Abanca e outra serie de entidades.

Centradas en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a economía circular, a cultura ou a innovación agricultura, trátase de proxectos con menos de tres anos e medio de traxectoria, seleccionados entre un total de 151 candidaturas e que os días 11 e 12 de setembro converterán Pontevedra “nun escaparate do talento emprendedor galego”, como sinalan desde a organización.

Destas 48 empresas, 33 contarán cun stand no recinto do encontro na praza de España, sete desenvolverán actividades demostrativas e outras oito tomarán parte no Pont-Up Venture, onde presentarán os seu proxectos a profesionais do investimento e o venture capital. O 69% das propostas presentadas están lideradas por mulleres e o 47% proceden de pequenas vilas e concellos rurais, sinalan desde a organización, que destaca tamén o papel que terán nesta edición as spin-offs xurdidas nas universidades galegas, así como as empresas vinculadas coa intelixencia artificial.

Este espazo do emprendemento recibiu neste 2026 un número similar de candidaturas que nos últimos anos, a pesar dun “contexto marcado polo descenso na creación de empresas” en Galicia. “O que observamos non é tanto unha diminución do talento emprendedor como unha evolución cara proxectos máis maduros, máis innovadores e cunha maior base tecnolóxica”, salientou Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. “Cada vez chegan menos ideas improvisadas e máis empresas con capacidade real para medrar, interacionalizarse e transformar sectores estratéxicos da economía galega”, sinalou.
Proxectos tecnolóxicos nacidos nas universidades

Un aspectos destacados desta edición é o incremento dos proxectos de perfil tecnolóxico e, nomeadamente, das spin-off universitarias. No caso da UVigo, entre os seleccionados figuran iniciativas como edgeContinuum, especializada en infraestruturas cloud descentralizadas; e Enerxía Comunitaria, orientada a democratizar a transición enerxética.

Tamén gañan peso as iniciativas empresariais que integran a intelixencia artificial, como Sizit AI, que permite calcular a talla do calzado a partir dunha fotografía do pé, a adestradora persoal Numacoach, Workstamp, orientada á xestión intelixente de equipos, ou a plataforma loveIFC. Outra das grandes liñas desta edición son proxectos que teñen na sustentabilidade o eixe central do seu modelo de negocio. Ese é o caso de Aurarte, que transforma residuos mariños en pezas artísticas; Plic (re)made, que fabrica mobiliario con plástico reciclado; Forest, que aposta por un modelo eléctrico renovable, DodoMadeira, centrado na recuperación de madeira procedente de árbores caídas; ou a spin-off BioAqua, que aplica biotecnoloxía á depuración e reemprego da auga

O encontro contribuirá tamén a facer visible o emprendemento nacido no rural ou nas pequenas vilas, como propostas como Treba Gourmet, Caldeira Cerámica, Floresta Flores, Fermentos da Meiga ou Labre Gando. Do mesmo xeito, tamén terán unha presenza destacada as industrias culturais e creativas, da man de iniciativas como a cooperativa audiovisual A Furna, especializada en contidos accesibles; Enxame Drones, que promove espectáculo escénicos con drons; Círculo de Bordadoras, que recupera os oficios téxtiles desde unha perspectiva comunitaria ou o artista Ismaelo.

Liderado feminino, mais non nas iniciativas de “maior impacto”

O 69% das iniciativas seleccionadas están lideradas por mulleres, “unha porcentaxe moi superior á media do ecosistema emprendedor e que consolida unha tendencia observada nas últimas edicións”, sinalan desde a organización. Mais, esta presenza maioritaria de emprendedoras, subliñan, “diminúe considerablemente cando se analizan os proxectos de maior intensidade tecnolóxica e escalabilidade, especialmente nas spin-off universitarias e nas startups que competirán no Pont-Up Venture, onde as mulleres forman parte dos equipos de investigación e desenvolvemento, pero seguen sendo minoría á fronte dos proxectos”. De aí que Figueroa subliñe que o “verdadeiro desafío” pasa por incrementar a súa presenza “nos proxectos científicos e tecnolóxicos de maior impacto”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES