
Segundo os datos enviados hoxe por MeteoSalud, e no marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta amplía mañá a alerta vermella por episodio de calor a 138 concellos.
Concretamente, mañá venres actívanse as seguintes alertas por episodio de calor:
O nivel 3, vermello, afectará ás zonas isoclimáticas do noroeste da Coruña, interior da Coruña, interior de Pontevedra, litoral de Pontevedra ou Rías Baixas e montaña de Ourense.
O nivel 2, laranxa, afectará ás zonas isoclimáticas do suroeste da Coruña e Miño de Ourense.
O nivel 1, amarelo, afectará ás zonas isoclimáticas do centro de Lugo, montaña de Lugo, sur de Lugo e Miño de Pontevedra.
A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, co que as alertas permanecerán activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, as recomendación e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, está dispoñible na ligazón: https://airesaude.sergas.gal/Contidos/CC_Recomend_calor?idioma=ga
No que atinxe á práctica deportiva, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior entre as 12,00 e as 20,00 horas deste venres nas zonas afectadas pola alerta vermella, isto é, interior de Pontevedra e Rías Baixas; Interior e noroeste da Coruña; e montaña ourensá. Ademais, e por causa da alerta laranxa por altas temperaturas, suspenderase tamén a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior entre as 12,00 e as 18,00 horas, agás os deportes náuticos e acuáticos federados con recomendación de non realizalos entre as 12.00 e as 17.00 horas, no suroeste da Coruña e na zona ourensá do Miño. A relación de todos os municipios afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.
Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.
Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.
Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.
Efectos sobre a saúde
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.
A calor excesiva pode alterar as funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos. Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.
Recomendacións xerais para a poboación
Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, sobre todo as menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sos, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.
A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.
No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Recorde que, se ten parentes ou veciños que vivan sos, é convinte facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
Os concellos que pertencen a cada zona isoclimática son os seguintes:
Noroeste da Coruña: Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior.
Interior da Coruña: Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar.
Oeste da Coruña: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo, Zas.
Suroeste da Coruña: Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois.
A Mariña: Alfoz do Castrodouro, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove.
Centro de Lugo: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba, Xermade.
Montaña de Lugo: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela.
Sur de Lugo: Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboada.
Noroeste de Ourense: Amoeiro, Avión, Beariz, Boborás, O Carballiño, Coles, O Irixo, Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea, Vilamarín.
Miño de Ourense: A Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén.
Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.
Montaña de Ourense: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.
Sur de Ourense: Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Celanova, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Laza, Lobeira, Lobios, A Merca, Monterrei, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía.
Interior de Pontevedra: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.
Litoral de Pontevedra ou Rías Baixas: Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.
Miño de Pontevedra: Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui.
A Xunta de Galicia estendeu a alerta vermella por altas temperaturas a 138 concellos galegos, afectando principalmente ás provincias de Ourense e Pontevedra, ademais de puntos das de Lugo e A Coruña. Esta medida excepcional busca concienciar á poboación e activar os protocolos de prevención ante o risco para a saúde, especialmente para grupos vulnerables como maiores, nenos e persoas con patoloxías crónicas. O goberno galego fai un chamamento á cidadanía para seguir as recomendacións de hidratación, evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día e tomar precaucións para mitigar os efectos da vaga de calor.
Galicia dá un paso máis cara a unha transformación dixital adaptada ás necesidades do territorio coa posta en marcha do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade que estará situado provisionalmente no GaiasTech, ata o remate da construción do CECIGA, en Ourense. Este centro permitirá prestar servizos avanzados en ciberseguridade, apoiar o cumprimento normativo, realizar probas e validacións en produtos e servizos, potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras e formar a profesionais. Para acadar estes obxectivos, a nova instalación conta con dous laboratorios: un centrado en produtos con elementos dixitais e outro orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.