Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Filmoteca de Galicia programa en marzo unha carteleira marcada polo inicio dun ciclo dedicado ao cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder, que se prolongará ata maio, e pola celebración dunha nova edición de Olladas de muller en colaboración co Consello da Cultura Galega. Ao tempo, a Sala José Sellier acolle o peche do especial Béla Tarr / László Krasznahorkai, tres miniciclos de dúas sesións con presentacións e coloquios e novas propostas de Fóra de serie, Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia. A partir do 17 de marzo, a cinemateca da Xunta inicia Rainer Werner Fassbinder (I) cun primeiro bloque de proxeccións con versións restauradas que abre o ciclo sobre o realizador xermano, un dos principais representantes do Novo Cinema Alemán dos anos sesenta e setenta.
Hortalà estudou na Escola de Artes e Oficios de Olot e na de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona. Os seus inicios como artista estiveron marcados pola produción escultórica. Tras instalarse en Londres realizou diversas series de paisaxes imaxinarias e iniciou un ciclo de traballos baseados na súa experiencia como alpinista entre 1975 e 1982, período no que participou nunha expedición ao Everest. En 2012, mostrou unha importante selección destes traballos no Centro de Arte y Naturaleza, na Fundación Beulas de Huesca e, en 2015, presentou a exposición Les Temptacions no Museu de Montserrat.
A Xunta de Galicia convoca as compañías profesionais galegas do sector escénico a presentar os seus espectáculos para formar parte do programa da vindeira feira Galicia Escena PRO, que se desenvolverá en distintos escenarios de Santiago de Compostela entre os vindeiros 25 e 28 de maio. O obxectivo principal desta cita, aá que cada ano acoden arredor dun cento de axentes do sector, é dinamizar a contratación das producións das compañías galegas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, así como de impulsar a súa proxección social. Tamén funciona como espazo para o debate, a reflexión e o encontro profesional arredor das diferentes disciplinas e procesos que conforman este ámbito.
Destaca na a programación como unha das citas máis destacadas o tradicional tributo deste festival a José Afonso e Rosalía de Castro. Nesta edición, actuarán o grupo Canto D’Aquí xunto coa Orquestra Filarmónica de Braga, que terá lugar o domingo 22 nesta mesma cidade lusa. No programa tamen están o concerto da cantora galega Uxía, de xira de celebración dos 40 anos de actividade, o recital de poesía Gallaecia, que contará coas autoras Cátia Cardoso e Elba Pedrosa, ou a posta en escena da representación teatral de 'Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar', do grupo Pena do Equilibrio.
A Xunta de Galicia abre a finais do mes de febreiro no Museo Centro Gaiás As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, unha exposición concibida como experiencia sensorial e inmersiva ao redor das representacións estéticas da primavera, o verán, o outono e o inverno galegos. Xogando coa colocación das obras no espazo, así como coa temperatura, as cores, os sons e as texturas, As estacións do ano constrúe un itinerario singular pola historia da arte que vai desde o Movemento Rexionalista de comezos do pasado século ata as xeracións máis novas que están a gañar recoñecemento a nivel estatal e internacional.
O catálogo Films from Galicia 2026 é unha ferramenta de difusión exterior que reúne 63 novos títulos do audiovisual galego, con 23 estreas recentes e 40 proxectos en diferentes fases de desenvolvemento. A publicación da Consellería de Cultura edítase en inglés, en formato físico e dixital. Ofrécese e compéndiase deste xeito información útil para profesionais da distribución, das vendas e da programación e incorporarase á actividade de promoción do Goberno galego en diferentes mercados e encontros especializados do circuíto internacional, co obxectivo de aumentar as oportunidades e a competitividade do sector audiovisual do país asociado, ademais, á marca Galicia Calidade.
O museo da Xunta inicia a programación de 2026 co proxecto Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, impulsado polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou o representante da Xunta, permite “ollar os desafíos aos que deben responder as novas xeracións de arquitectos que se mostran sensibilizados coa realidade ambiental", xa que a proposta pon en valor o emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois.
A Filmoteca de Galicia dedica en febreiro o eixo principal da súa carteleira na sala José Sellier ao ciclo Hiroshi Shimizu, o arte de perderse, realizado en colaboración coa Fundación Xapón, ao tempo que programa o inicio do especial sobre as colaboración entre Béla Tarr e László Krasznahorkai. Outras citas importantes da súa actividade mensual serán a visita de José Luis Guerin dentro da conmemoración dos 20 anos de Cinema en curso e co seu filme Historias del buen valle. A actividade prevista, que conforma o programa número 300 do centro, complétase coa segunda entrega de Territorios mutantes.
Siro López comezou a traballar como delineante na empresa metalúrxica Bazán, máis axiña foi quen de arriscarse para dedicarse de cheo ao mundo da ilustración. A partir de aí, encheu páxinas de diversas publicacións de debuxos, artigos de arte, cultura e humor, salientando o gran traballo que desenvolveu entre 1985 e 2006 en La Voz de Galicia como caricaturista político. Ademais, xunto con outros debuxantes da Comunidade, como Xaquín Marín, participou nunha serie de iniciativas que abriron novas posibilidades profesionais aos humoristas gráficos galegos, como o manifesto En defensa do humor, a publicación da revista Can sen dono, o Museo do Humor de Fene, ou a Praza do Humor da Coruña.
O Centro Galego de Arte Contemporánea foi elixido como insignia da cultura galega en 2025 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, o prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos. A Cidade da Cultura ocupa o segundo posto, mentres que Centro Dramático Galego comparte a terceira posición da clasificación co Festival Internacional Outono de Teatro, o Festival Sinsal e a Bienal de Pontevedra.
« Anterior | 8  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Baixo o título de 'Un mar de gravados', a exposición pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes da UVigo, e presenta un conxunto de obras desenvolvidas ao longo do último ano no Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea de Vilariño, en Cangas do Morrazo. Realizadas por 14 artistas, trátase de obras que abranguen múltiples técnicas e temáticas e que parten da vontade conxunta de 'cuestionar os límites do medio gráfico'.
xMaseda65 fala desde a emoción, cun ton honesto, íntimo e reflexivo. A súa voz conecta coa vulnerabilidade sen artificios para tender pontes co que escoita a través dun estilo directo, cru e poético. 'Estudei Filoloxía galega porque creo no poder da lingua, nas historias que contan as palabras postas'. explica. 'Na miña música busco iso: ser fiel ao que sinto, sen adornos , sen máscaras', engade.
La obra de Osorio vuelve a la ciudad de Ourense después de más de 35 años para mostrarse en la Galería de Arte Visol, que desde 1996, sigue demostrando su carácter y marcada profesionalidad apostando por un arte de calidad tanto clásico como de vanguardia. La inauguración tendrá lugar el viernes 27 de febrero de 2026 a las 20.00 horas y se podrá visitar hasta el 27 de marzo en la calle Santo Domingo, 33.
A trixésima edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, unha actividade incluída dentro da programación da Primavera Cultural, desenvolverase en Santiago de Compostela do 2 ao 7 de febreiro. Ademais da Aula de Teatro da Universidade, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Beira Interior de Portugal, de Granada e de Mozambique.
A USC bota a andar unha nova edición da súa Primavera Cultural, programa amplo e diverso do que agroman as diversas iniciativas que, en materia de cultura, a Universidade vai desenvolver nos vindeiros meses nos campus de Santiago e Lugo. Música, audiovisuais, exposicións, fotografía, teatro, danza, Faíscas Culturais, foros, formación, certames e convocatorias coas que impulsar a dinamización e a creación nutren o abano de iniciativas que arrancan a principios do mes de febreiro.
Recoñecida en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, a Fundación Cerezales Antonino y Cinia (FCAYC) emprázase en Cerezales del Condado, unha vila leonesa de pouco máis de 80 habitantes, próxima ás montañas. 'O espírito desta institución está fortemente impregnado dunha conciencia etnoambiental na súa relación coa arte e a cultura contemporáneas', sinala o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego.
A Cátedra Institucional Carvalho Calero recentemente constituída vén de outorgar os I Prémios CarValho GolpeDasa, que pretenden distinguir anualmente obras individuais ou colectivas, e mesmo persoas ou entidades e empresas, que contribúan ao coñecemento da produción intelectual, pensamento, valores e personalidade do autor galego así como promover ou reforzar as relacións de Galicia cos países de lingua portuguesa.
O Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro nace como primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial. O percorrido organízase en torno a un extenso e heteroxéneo corpus de fontes visuais que abrangue desde o século XIX ata a actualidade, o que permite rastrexar distintos réximes de representación e estratexias de memorialización.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo e o Museo do Castro de Viladonga organizan unha mostra con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A Muralla, tal e como destaca a profesora da USC, Dolores Dopico, 'tivo unha especial relación coa Domus, xa que a súa construción supuxo destruír a casa, da que só quedou en pé o seu Mitreo'.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES