//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O XIII Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril un programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas RRSS, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos.
Foi presentada a novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de 'Paixón', se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, en Vilagarcía de Arousa, cunha ambiciosa programación que aposta pola vangarda e a ciencia. Así, este certame convértese nunha das grandes citas internacionais da música clásica, cunha programación que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo. O evento inclúe a celebración dun 'concerto inmersivo' para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar en agosto.
A programación musical abrirase o venres 8 de maio na ourensá Igrexa de Santiago das Caldas co concerto inaugural de Vandalia, cuarteto vocal sevillano especializado no repertorio renacentista e barroco español. Fundado en 2012, o grupo desenvolveu unha ampla traxectoria en España e no estranxeiro e foi recoñecido tanto pola súa discografía como polo seu labor de recuperación do patrimonio musical, con distincións como o Premio XEMA da Prensa ao mellor grupo español de música antiga. O domingo 10, o festival trasladarase ao Pazo de Vilamarín da man da soprano valenciana Mariví Blasco e do intérprete de guitarra barroca Álex Pernas. Especializada en música antiga, Blasco colaborou con formacións de referencia como Europa Galante, LArpeggiata ou Accademia del Piacere.
Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.
O Centro Dramático Galego amplía desde esta semana a experiencia de exhibición do seu novo espectáculo, Hamlet, cunha programación paralela que incorpora tres pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III, os días 25 de marzo, 1 e 8 de abril ás 20,30 horas, e, por outra, unha nova entrega das ImproVersións a través da proposta A propósito de William, que levará a cabo o colectivo Improversados os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril á mesma hora. O desenvolvemento desta programación expandida completarase cunha acción especial na véspera do Día Mundial do Teatro, que reunirá o xoves 26 de marzo preto de 73 estudantes de secundaria e ensinanzas escénicas.
Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
Con esta decisión, procúrase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia. O obxectivo con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España, tras case once anos con Santiago Olmo á fronte da súa dirección. Como resultado do seu labor, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
O Festival Internacional de Animación Afundación 'Imaxinaria' despediuse na Coruña tras cinco días dedicados a conectar ao público galego coa mellor animación nacional e internacional. O xurado da sección oficial do festival -formado por Giovanna Lopalco, Cynthia Alfonso e Manu Viqueira- recoñeceu no palmarés desta cuarta edición a curta francesa Dieu est timide, do director francés Jocelyn Charles, co Premio Imaxinaria; a curta portuguesa Cão Sozinho, da directora portuguesa Marta Reis Andrade, co Premio do Xurado; e a galega O Corpo de Cristo, adaptación do Premio Nacional de Cómic da creadora coruñesa Bea Lema, co Premio Territorio. O festival resolveu ademais o concurso «Talento Novo», aberto por primeira vez a centros educativos de toda Galicia.
A edición deste ano celebrarase baixo o título 'A porta a universos infinitos' e a cita inaugural será en Ferrol, do 23 ao 26 de abril. A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que terá lugar do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
Artistas consagrados como Antón Pulido, Francisco Leiro, Manolo Moldes, Xaime Quessada ou Acisclo Manzano e outros noveis, son os e as autoras das preto de 300 obras de pintura, escultura, gravado e fotografía, e ás que tamén se sumarán vídeos, instalacións e audios, que integran a día de hoxe o Museo de arte da Universidade de Vigo. Localizadas ao aire libre, en escolas e facultades e en edificios administrativos dos tres campus, as 287 obras que integran esta recompilación do patrimonio artístico da UVigo nunca antes foran reunidas nun repositorio dixital.
A revista Cumieira, vinculada ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, vén de publicar o seu volume número 10, que marca os dez anos da publicación desde o seu primeiro número en decembro de 2016, unha década de actividade editorial orientada a promover a investigación en filoloxía galega e a acompañar a formación dunha nova xeración de investigadoras e investigadores no ámbito da lingua e da literatura de Galicia.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo e o Museo do Castro de Viladonga organizan unha mostra con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A Muralla, tal e como destaca a profesora da USC e directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico, 'tivo unha especial relación coa Domus, xa que a súa construción supuxo destruír a casa, da que só quedou en pé o seu Mitreo'.
A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as creacións de 17 artistas. Coa tamén egresada deste centro Cora Novoa como comisaria, esta mostra conecta, sinala, un conxunto de 'prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos' e que comparten 'unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación'.
No seu ensaio Un cuarto propio (1929), a escritora británica Virginia Woolf incidía na necesidade de que as mulleres teñan un espazo propio para crear, idea que constitúe o punto de partida da exposición que desde este mércores pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Promovida polo colectivo estudantil Luscofusco, con motivo da conmemoración este domingo do Día Internacional da Muller, esta mostra reúne as creacións de 15 alumnas da facultade, baixo o título de Un Abrigo Propio.
'Esta exposición pretende reunir unha pequena pero significativa historia de militantes da esquerda heterodoxa galega, aos que podemos cualificar con razón como dobremente esquecidos. Sufriron a represión franquista como militantes de esquerdas, moitos deles pagándoa coas súas vidas e, ao mesmo tempo, o estalinismo foi tan cruel como, ou incluso máis que os primeiros; ademais do encarceramento ou asasinato, sufriron calumnias acusándoos de ser axentes de Hitler'.
A docente da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña Ana María Sánchez Bello, coordinadora do Grupo de Innovacións Educativas, participa xunto co Grupo de Investigación Cies da Universidade de Vigo nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades que busca xerar novas narrativas sobre a inclusión educativa a través do diálogo entre docentes, familias, asociacións e outros axentes educativos.
A peza Irmás, de Pascal Rambert, estreada no pasado mes decembro pola compañía da Aula de Teatro da USC, acaba de ser seleccionada para participar na cuadraxésimo terceira edición dos Rencontres Internationales de Théâtre Universitaire (RITU) que se desenvolverán entre o 24 e o 28 de febreiro en Liexa (Bélxica).
Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusións e gaita) forman Alana, un proxecto musical que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. O trío actuará na Primavera Cultural da USC o vindeiro 19 de febreiro. O concerto, que terá lugar na Igrexa da Universidade, comezará ás 21.00 horas.