Noticias

O director francés Jocelyn Charles e a cineasta india Vinnie Ann Bose gañan o Gran Premio e o Premio do Público na cuarta edición de 'Imaxinaria'

O Festival Internacional de Animación Afundación 'Imaxinaria' despediuse na Coruña tras cinco días dedicados a conectar ao público galego coa mellor animación nacional e internacional. O xurado da sección oficial do festival -formado por Giovanna Lopalco, Cynthia Alfonso e Manu Viqueira- recoñeceu no palmarés desta cuarta edición a curta francesa Dieu est timide, do director francés Jocelyn Charles, co Premio Imaxinaria; a curta portuguesa Cão Sozinho, da directora portuguesa Marta Reis Andrade, co Premio do Xurado; e a galega O Corpo de Cristo, adaptación do Premio Nacional de Cómic da creadora coruñesa Bea Lema, co Premio Territorio. O festival resolveu ademais o concurso «Talento Novo», aberto por primeira vez a centros educativos de toda Galicia.

Dieu est timide, do francés Jocelyn Charle, obtivo o Premio Imaxinaria. A curta sitúa a acción nun tren. Ariel e Paul pasan o tempo debuxando os seus medos máis profundos. A aparición dunha pasaxeira misteriosa, Gilda, altera ese xogo

O Premio do Xurado recae en Cão Sozinho, de Marta Reis Andrade, directora portuguesa afincada en Portugal. A peza parte da imaxe dun can que queda só na casa ao tempo que o avó da autora atravesa a viuvez e ela mesma regresa desde Londres cunha forte sensación de soidade.

No palmarés entra tamén O Corpo de Cristo, de Bea Lema, autora galega nacida na Coruña, distinguida co Premio Territorio. A curta céntrase en Adela, unha muller que sente o acoso dunha presenza e busca alivio entre a psiquiatría, a relixión e os ritos populares, únicos espazos onde a súa experiencia semella atopar escoita. Desde esa premisa, a peza propón unha ollada fondamente persoal arredor da saúde mental, da incomprensión e da necesidade de ser atendida máis alá do diagnóstico. A obra formaba parte da representación galega da sección oficial a concurso.

O público adulto e infantil escollen as curtas Sulamaini e Snow Bear

O Premio do Público foi para Sulaimani, da cineasta india Vinnie Ann Bose, nada en Kerala e formada entre Ahmedabad e Francia; a curta sitúa o encontro de dúas mulleres nun restaurante de París, onde os sabores, os sons e a memoria fan aflorar a experiencia do desarraigamento.

O Premio do Público Infantil recaeu en Snow Bear, do animador e director estadounidense Aaron Blaise, con longa traxectoria en Disney; a peza conta a historia dun oso polar solitario que, nun medio hostil, emprende a procura dun amigo.

Galardón honorífico a Sylvain Chomet

Na cerimonia de clausura de «Imaxinaria» tamén se recoñeceu a traxectoria do cineasta francés Sylvain Chomet, nomeado tres veces aos Oscar. O realizador Alberto Vázquez, que dirixe o certame xunto á xestora cultural Matilde Rodríguez, entregaron o galardón de «Padriño do festival» a Chomet, unha das figuras máis recoñecidas da animación de autor europea.
Rematada a proxección da lendaria curta de Sylvain Chomet, comezará a lectura do palmarés. Un total de 38 películas de 18 países compiten por formar parte del.

O mellor do talento galego

Na xornada de clausura resolveuse tamén o concurso «Talento Novo», que nesta edición se abriu por primeira vez a centros educativos de toda Galicia. O primeiro premio, dotado con 600 euros e trofeo, foi para FLOW-R, de Manuel Alejandro Franco Garrido, Darío Fernández Fernández e Manuel Antón Díaz Rego. O certame concedeu ademais dous accésits, dotados con 200 euros e diploma cada un: o primeiro para ¡ANIMATE!, de Alex Prieto Mateus e Ange Nathan Guillén Olea, e o segundo para IMOS INDO, de Fabio Méndez Reyes e Mónica Rodiño Camiña.
«Imaxinaria» reuniu este ano 37 películas na súa sección oficial, chegadas de 18 países, e un programa paralelo que reforzou a presenza de títulos e autorías recoñecidas en grandes citas do sector, coa proxección de Decorado, do coruñés Alberto Vázquez, recente gañadora do Goya á Mellor Película de Animación; ou de Benvidos a Belleville, de Sylvain Chomet, nomeada aos Oscar. Houbo, ademais, diferentes charlas con profesionais de gran recoñecemento internacional e coloquios co público, ademais dunha nova sección, Foco Indie, dedicada a visións alternativas.

«Cultura por alimentos»

«Imaxinaria» forma parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). A recadación íntegra da venda de entradas do festival destinarase a apoiar as actividades do Banco de Alimentos da Provincia da Coruña.


R., 2026-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES