Notas de prensa

Un proxecto da Universidade da Coruña reconstruirá a historia evolutiva dos linces europeos mediante ADN e proteínas antigas

A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.

O equipo investigador está liderado por Gloria González Fortes, investigadora sénior do programa Beatriz Galindo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e asociada ao CISPAC, xunto con Aurora Grandal d'Anglade, profesora titular de Paleontoloxía da UDC, directora do Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) e tamén asociada ao CISPAC; e Fernanda Rodríguez Fariña, responsable da Unidade de Bioloxía Molecular dos Servizos Centrais de Investigación (SAI) da UDC.

Así mesmo, o proxecto contará coa colaboración de especialistas das universidades de Copenhague e Toulouse, do Centro de Investigación Leibniz-IZW de Berlín e do Museo delle Civiltà de Roma, entre outras institucións internacionais.

Reconstruír a historia dos linces europeos

INTERLYNX centrarase no estudo paleomolecular —mediante análise de ADN e proteínas antigas— das tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa desde o Pleistoceno ata tempos históricos: o lince ibérico (Lynx pardinus), o lince boreal (Lynx lynx) e o lince das cavernas (Lynx spelaeus).

As tres especies coexistiron durante miles de anos na Península Ibérica e investigacións recentes demostraron que existiron procesos de hibridación entre o lince ibérico e o lince boreal, que mesmo puideron contribuír a incrementar a diversidade xenética da especie ibérica. Con todo, aínda se descoñece cando se produciron estes intercambios xenéticos, que poboacións ancestrais participaron neles e cal foi a súa relación coas poboacións actuais de lince boreal.

Para responder a estas cuestións, o equipo aplicará técnicas de xenómica antiga a restos fósiles procedentes do suroeste europeo. Segundo explican do equipo de investigación, “a comparación dos xenomas permitirá establecer as relacións evolutivas entre as distintas especies e reconstruír os procesos de hibridación ocorridos no pasado”.

De forma complementaria, engaden, “a análise de isótopos estables permitirá reconstruír as condicións ambientais nas que viviron estes animais e comprender mellor a súa adaptación aos cambios climáticos e ecolóxicos”.

Os resultados da investigación contribuirán a reconstruír a historia evolutiva dos linces europeos e poderán identificar posibles fontes de restauración xenética de interese para futuros programas de conservación do lince ibérico en España e do lince boreal no norte e sureste de Europa.

Unha liña de investigación pioneira na UDC

INTERLYNX enmárcase na liña de investigación sobre grandes felinos antigos impulsada pola Universidade da Coruña desde 2023 coa incorporación de Gloria González Fortes para dirixir o Laboratorio de ADN Antigo. Este laboratorio é o único de Galicia e un dos poucos existentes en España con capacidade para realizar análises xenómicas de restos fósiles.

Nesta mesma liña de investigación, González e Grandal dirixiron recentemente a análise paleomolecular do último exemplar de lince boreal da Península Ibérica, un traballo desenvolvido no marco do Traballo Fin de Máster de Eva Fernández Bejarano, que permitiu identificar o lince boreal como o histórico "lobo cerval" da Cordilleira Cantábrica. Actualmente, Eva Fernández realiza a súa tese de doutoramento no IUX, continuando o estudo xenómico dos últimos grandes felinos do Pleistoceno no proxecto InterLynx.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES