Noticias

Elefante Elegante estrea en Galicia a comedia xestual para público familiar 'Coralinda'

Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.

A compañía Elefante Elegante presentou hoxe no Auditorio Municipal de Rianxo o seu novo espectáculo, Coralinda, unha coprodución galego-portuguesa dirixida ao público infantil e familiar, que aborda temas como a inmigración e o medio ambiente a través dunha posta en escena chea de humor e ao estilo dos debuxos animados. O espectáculo, que contou co apoio da Xunta de Galicia para a súa creación, terá a súa estrea galega mañá nese mesmo escenario rianxeiro ás 19,00 h., despois de que o público portugués a vise o pasado sábado na localidade de Tondela, sede do colectivo luso Trigo Limpo Teatro Acert.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta nova montaxe, nun acto no que tamén interviñeron responsables municipais dos concellos de Rianxo, Culleredo e Carral, colaboradores co proxecto, ademais de membros do equipo artístico da compañía que lideran María Torres e Gonçalo Guerreiro.

Facilitar a actividade escénica continuada

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a traxectoria de xa máis de 25 anos desta formación, caracterizada polo seu estilo propio dun teatro físico de gran plasticidade, así como o seu papel no desenvolvemento do teatro galego contemporáneo, ao tempo que salientou o apoio institucional á súa actividade. Neste sentido, Elefante Elegante conta cunha subvención plurianual de 100.000 euros concedida polo Goberno galego a través das axudas á creación escénica para o período 2024-2026.

Este tipo de apoio, explicou Sutil, “busca facilitar a planificación a medio prazo das compañías consolidadas do sector, contribuíndo tanto a manter as súas estruturas e a produción de novos espectáculos como a súa exhibición e circulación polos escenarios galegos”. Así, por medio desta canle, Elefante Elegante xa montou o pasado ano o seu anterior espectáculo, Alta costura, e mantivo a distribución doutras propostas do seu repertorio, como son Kyoki, Alma de tigre e Cubo.

Teatro xestual e de obxectos para a partir dos tres anos

Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil (a partir dos tres anos). A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá.

Trátase dunha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar, de maneira accesible e sensible, sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra na procura de mellores condicións de vida.

Pablo Sánchez, María Torres e Sofía Espiñeira son os intérpretes de Coralinda. María Torres e Gonçalo Guerreiro asinan a dramaturxia, Gonçalo Guerreiro tamén a dirección de escena e a escenografía, Diego Valeiras o vestiario, Carolina Díguele a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro a composición musical e Paulo Nieto a iluminación.

R., 2026-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES