
Con ese obxectivo, a iniciativa impulsa unha serie de bibliotecas humanas, nas que diferentes sectores poidan achegar as súas experiencias en materia de inclusión, co propósito de que o diálogo entre colectivos heteroxéneos posibilite a identificación de novas solucións aos retos e problemáticas en materia de inclusión nas escolas.
Estes encontros inclusivos permiten pór o foco en como é o desenvolvemento da educación inclusiva na práctica, a través dos relatos de diferentes profesionais. Deste xeito, contribúen á formación das e dos futuros docentes, á vez que se insiren nos casos de estudo do proxecto Diálogos Inclusivos: construyendo narrativas colaborativas para la educación, que se desenvolve en diferentes comunidades autónomas.
Sánchez Bello, que é unha das investigadoras principais da iniciativa, sinala que con este proxecto preténdese dar un pulo ás prácticas inclusivas que contribúan a eliminar dinámicas de discriminación en contextos de educación formal e non formal, fomentando a supresión de barreiras que afectan a colectivos en situación de vulnerabilidade. Isto conséguese, segundo a docente do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da UDC, promovendo o desenvolvemento de marcos normativos e propostas curriculares que permitan a implementación efectiva de modelos educativos inclusivos en centros educativos.
Na busca de visións alternativas
O punto de partida é a existencia dun déficit primordial para o avance da inclusión, que ten que ver coa existencia dunha forte segmentación de discursos e a ausencia de espazos de diálogo e construción conxunta. Outro punto de partida é o mapa de prioridades en materia de inclusión nas escolas. Partindo deste marco, o proxecto busca definir novas orientacións compartidas sobre algúns dos retos de inclusión e dar resposta a problemas específicos que poden pasar desapercibidos en análises individuais.
A investigación abrangue tres subproxectos, coordinados polas universidades de Cantabria, Cádiz e Vigo, que promoven á súa vez diferentes modelos de encontros inclusivos, que abranguen diferentes niveis educativos. Coa participación de docentes de diferentes universidades, o traballo que se desenvolve en Galicia ten como investigadoras principais a Sánchez Bello e á profesora da UVigo Ángeles Parrilla e como eixos a formación do estudantado universitario en educación inclusiva e a metodoloxía das bibliotecas humanas.
Libros e persoas lectoras
As bibliotecas humanas constitúen unha estratexia metodolóxica que aposta pola construción de coñecemento e o cuestionamento de estereotipos en base á escoita e o dialogo compartido entre persoas que habitualmente non teñen posibilidade de contacto e interacción entre si. Nomeadamente, as accións que levan a cabo tanto na UDC como na UVigo implican que as persoas que exercen como libros interveñen durante 15 minutos ante un grupo de lectores e lectoras, neste caso alumnado universitario, que logo lles trasladan unha serie de preguntas antes de cambiar de libro.
Ao mesmo tempo, a traxectoria e experiencias dos profesionais, as preguntas do alumnado e a súa valoración das aprendizaxes adquiridas constitúen materiais de investigación para o proxecto. É unha maneira de construír coñecemento moito máis participativa, asumindo distintas achegas desde os distintos espazos profesionais, sosteñen desde o grupo Cies.
Narrativas desde dentro e fóra da escola
A primeira das accións que se desenvolveu na UDC levouse a cabo na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación co alumnado en formación do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obligatoria e contou coa participación de profesorado, persoal de orientación e do equipo directivo de ensino secundario (Ana María Rivera, Elena Segade, Anxo Gómez e Manuel Magarillos), quen implicaron ao alumnado en formación nas experiencias de integración da diversidade cultural, de xénero, social e económica que viven no seu día a día como profesionais da docencia cun enfoque integrador.
O vindeiro curso esta iniciativa dedicarase ás narrativas da escola na súa contorna, coas que analizar se a participación de familias, asociacións ou profesionais externos poden constituír elementos de apoio na inclusión e non espazos segregados de segunda oportunidade que ofrecen respostas diferenciadas e fragmentadas. Con esa idea, convidaranse a este ciclo a asociacións, familias, ONG ou academias.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.