Noticias

Máis dunha trintena de propostas para o Día dos Museos nos equipamentos autonómicos

A programación de actividades comprende neste caso a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei, que tamén xestiona o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro.

A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día Internacional dos Museos, que o vindeiro 18 de maio se conmemora baixo o lema Museos unindo un mundo dividido, cunha programación especial que inclúe máis dunha trintena de actividades nos centros museísticos que xestiona. Trátase dun conxunto de propostas, para todos os públicos e intereses, que se estenden a varias xornadas creando vencellos tamén co Día das Letras Galegas pola súa coincidencia no tempo.

Así, a través de 11 equipamentos, o Goberno galego pon en valor estes centros como espazos públicos de confianza e lugares de aprendizaxe, que contribúen á coexistencia pacífica e ao respecto mutuo. Segue así as directrices do Consello Internacional de Museos que os destaca como pontes entre as divisións culturais, sociais e xeopolíticas facilitando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz entre as comunidades de todo o mundo.

Nesta liña cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fomenta de maneira estable unha programación diversa e de calidade en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que ten por obxectivo eliminar todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, territoriais ou de calquera outra índole, achegando a cultura a toda a poboación. Apóstase deste xeito por seguir medrando e ofrecendo os mellores contidos, tras superar os 630.000 visitantes no 2025 nos seus equipamentos, nos que se contabilizan tamén 5 arquivos.

A programación de actividades comprende neste caso a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei, que tamén xestiona o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro.

Provincia da Coruña

En Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura a artista e comisaria da exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, Mónica Alonso, conducirá o sábado 16 de maio dúas quendas de Segunda pel, unhas visitas de inmersión espacial que propoñen unha nova perspectiva sobre mostra. Por outra banda, o domingo 17 ás 19,00 horas, a sala da exposición Mundo expandido, entre o físico e o virtual transformarase e acollerá unha función de danza da bailarina, coreógrafa e docente, Clara Ferrao. Por último, o domingo 24, será o propio edificio do Museo Centro Gaiás o protagonista dun percorrido comentado para descubrir os seus espazos polo miúdo. Todas as actividades son de balde, previa reserva de praza na web.

Mentres, o Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago, programa para o propio luns 18 unha serie de concertos didácticos para escolares que se completan o resto da semana con outras accións como son as visitas guiadas de balde ao museo, o martes 19, sen inscrición, ás 12,00 e ás 18,00 horas; os obradoiros para familias, o sábado 23 e o domingo 24, de balde con inscrición previa, e unha visita guiada o domingo ás 12,00 horas polas exposicións que acolle nestes momentos, entre elas a que se inaugura o venres 22 co título Misha Bies Golas.

Pola súa banda, o Museo das Peregrinacións e de Santiago organiza o sábado 16, ás 16,30 horas, un obradoiro de olería e barro nos soportais da Praza de Praterías sen necesidade de inscrición. A isto súmaselle, o mesmo sábado ás 18,00 horas, a sesión ao vivo Músicas que unen desde o balcón do inmoble. Xa o domingo propón o espectáculo infantil A Ramona pequena vai á lúa, ás 12,00 horas, con entrada libre ata completar capacidade. Por último, no luns terá lugar a conferencia Carboeiro: historia, espolio e recuperación patrimonial, ás 19,00 horas a cargo do historiador Francisco Prado.

Na Coruña, o Museo de Belas Artes centra a súa oferta na xornada do sábado 23. Así, ofrece en varias quendas (12,00; 13,30; 17,30, e 19,00 horas) o obradoiro para a cativada Máis aló dos lenzos, con inscrición previa, ao que se suman as visitas guiadas O museo a fondo (12,00; 18,30 e 20,30 horas) para as que tamén é preciso apuntarse con anterioridade. Xa cara o final do día, ás 21,30 horas, ofrece con entrada libre a actuación do grupo Bigmike’s Dixie Five e a Noite dos museos, unha xornada de portas abertas para visitar, ata as 23,30 horas, a exposición permanente e a mostra temporal Habana Mater 2003-2023.

A programación da provincia complétase en Padrón da man da Fundación Camilo José Cela, onde durante o mes de maio teñen en marcha un ano máis a iniciativa Letreseo, á que se porá fin o día 22, ás 20,30 horas, cun concerto de Faia Alvela. Ata ese día o centro ofrece o espectáculo Ondamini de Mamá Cabra, os días 12, 13 e 14, e un Escape Room para os institutos da comarca, os días 18, 19 e 20.

Provincia de Pontevedra

En Vigo, o Museo do Mar de Galicia abre as súas portas á cidadanía ata o venres 29 para mostrar, de balde, a exposición temporal Compañeiras do mar e do ceo. Galicia, lugar clave para as aves mariñas. Así mesmo, o sábado 16, ofrece entrada gratuíta ao museo no seu horario habitual de apertura. Unhas visitas que dinamiza cun xogo de pistas para familias que terán como premio un libro en galego.

Tamén se centra nas visitas aos seus espazos o Museo Massó, en Bueu, cun itinerario guiado, os domingos 17 e 31, ás 12,00 horas, para coñecer este exemplo único de arquitectura industrial. A proposta é de balde e non precisa inscrición.

Provincia de Ourense

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presenta a conferencia Arqueoloxía en monodose: a moeda na Alta Idade Media en Galicia, que impartirá Antonio Roma o luns 18, ás 19,30 horas. Tamén inclúe a súa habitual acción divulgativa consistente na presentación dunha peza cada mes, neste caso Placa de cinto, o mércores 13, e o concerto do Dúo Raíces, o venres 22 ás 19,00 horas, no claustro novo do Arquivo Histórico Provincial.

A provincia ourensá conta tamén en Ribadavia con dous espazos culturais. Deste xeito, o Museo Etnolóxico inaugurará a exposición temporal Oficios en extinción: imaxes que contan, persoas con historias. Para o sábado 16 e o luns 18 organiza as visitas didácticas As dúas metades dun mesmo mundo, ás 12,00 e ás 17,00 horas, que percorren tres zonas expositivas do centro. O sábado tamén está previsto, de 11,30 a 16,00 horas, o obradoiro Cianotipia, as primeiras fotografías, para cativada de 6 a 12 anos.

Por outro lado, o Museo do Viño porá en marcha desde o 18 ao 24 de maio visitas guiadas dirixidas a todos os públicos en varias quendas e con varias opcións, ben sexa para grupos ou de maneira individual. Nas mesmas datas completan a oferta co obradoiro O tesouro do irmán Santiago, para todos os públicos, formulada como unha actividade para grupos a demanda. Outra das súas propostas é o relatorio Viños escoitados, unha acción que mestura os viños con cancións e que terá lugar o venres 22 con capacidade para 50 persoas.

Provincia de Lugo

En Lugo destaca a actividade do Museo do Castro de Viladonga, que tras celebrar días atrás a iniciativa Noite dos museos, ten previsto para o mércores 20 un espectáculo de narración oral escénica baixo o título Odiseicas, as que tecen a historia, con dúas sesións ás 11,00 e ás 12,00 horas, para público infantil e familiar.

R., 2026-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-ciberseguridade.jpg) Esta ampliación é posible grazas a un dos proxectos en que Galicia e o Norte de Portugal traballan conxuntamente para mellorar no ámbito da I+D+i. Trátase do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure, çque ten como obxectivo o despregamento de conexións transfronteirizas entre as redes nacionais de comunicacións cuánticas de España (SpainQCI) e Portugal (PTQCI), contribuíndo así á construción da infraestrutura europea de comunicación cuántica segura (EuroQCI), que abarcará toda a Unión Europea. Este paso supón a continuación do traballo feito ata agora en Galicia, especialmente polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Vigo (UVigo) a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito ao centro de investigación AtlanTTic da rede CIGUS.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) O Executivo galego, na súa reunión de hoxe, deulle luz verde ao inicio da consulta pública previa á redacción deste anteproxecto de lei que establecerá un marco xurídico moderno, integral e adaptado ás necesidades actuais da saúde pública de Galicia. A través do proceso de consulta pública recolleranse as achegas da cidadanía e dos axentes implicados á redacción da norma. 'Queremos modernizar o marco xurídico en materia de saúde pública para responder aos desafíos actuais', indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen falou dos novos riscos 'sanitarios e ambientais'.

Notas

Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres – vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista. A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia. A edición deste ano está en marcha – comezou febreiro e remata en xuño-, con seis novos encontros protagonizados por outros 12 autores lucenses.
O legado de Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista a prol dos dereitos das mulleres, resoou no Colexio de Fonseca. No acto institucional co que a USC conmemora o Día das Letras Galegas, a reitora Rosa Crujeiras destacou a obra literaria e o labor xornalístico desta autora que ocupa 'un lugar central da cultura galega contemporánea', como recoñeceu a RAG ao dedicarlle a celebración do 17 de maio.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES