
Promovida pola Facultade de Comunicación co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e da Deputación de Pontevedra, esta máster class ten como obxectivo pór en valor o noso cine e o noso audiovisual, como destacou Pérez na súa presentación este luns na sede da Vicerreitoría. Dirixido a ampliar a formación do alumnado da facultade, pero aberta ao conxunto da cidadanía, a presentación deste ciclo contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Marián Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres; e o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.
Todos eles puxeron de relevo a colaboración institucional que fai posible esta nova edición dunha actividade claramente consolidada e con aínda máis proxección de futuro, como apuntou a vicerreitora. Torres enxalzou tamén a traxectoria dun evento impulsado hai 16 anos polo profesor Miguel Anxo Fernández e que constitúe un apoio máis no obxectivo da facultade de contribuír a facer do sur de Galicia unha referencia no sector audiovisual. Conformada por oito sesións nas que as proxeccións se ven complementadas por un encontro coas e os seus responsables, Torres destacou tamén a aposta de Augal por pór en valor as creadoras femininas nun sector no que existe un teito de cristal que non acabamos de romper.
Proxeccións abertas á cidadanía
Coas súas inscricións abertas, Augal é un curso formativo de 27 horas, que fai posible que os futuros e futuras profesionais que se forman na facultade teñan un contacto directo cos profesionais que tan exitosamente están desenvolvendo este sector en Galicia, salientou Sutil. Mais, ao igual que é posible obter un diploma polo número total de horas cursadas, Augal é tamén un ciclo de proxeccións aberto á cidadanía, sen necesidade de inscrición previa. De aí que as e os participantes nesta presentación convidasen á veciñanza de Pontevedra a participar nunha actividade que busca tamén que a Aula de Cine da facultade se converta nun referente na cidade, como destacou a decana.
Apertura cun gañador de tres premios Goya
Esta décimo sexta edición de Augal botou a andar na tarde deste luns coa proxección de La silla, un thriller dirixido por Ángel de la Cruz, que, como lembrou Pérez, foi recoñecido ao longo da súa traxectoria como director e guionista con tres premios Goya, aos que se suman outros dous obtidos por proxectos dos que formou parte. O luns 9 terá lugar a primeira das dúas sesións dedicadas ás curtametraxes, ás que decidimos darlle máis presenza, co obxectivo de que o alumnado se familiarice máis co xénero que teñen máis accesible, sinalou Pérez. Nomeadamente, esta xornada permitirá coñecer Furancho, de Maika Braña; o vídeo-ensaio da directora e egresada da facultade Lucía Estévez A lesbiana no audiovisual galego, recentemente recoñecido nos Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual; e Dos gardenias, de Juan Hervella-Rego.
Co obxectivo de presentar unha escolma do que se fai no audiovisual galego, non só no cine, este ciclo abrangue tamén encontros con empresas galegas que son punteiras no audiovisual nacional. Nese senso, a sesión do 15 de novembro permitirá afondar na posprodución, de mans do colorista e egresado da facultade Alfonso Merino, de Alfonsín Digital Lab; para logo deterse no deseño de son con Diego Staub, de Sound Troop, unha empresa especializada na posprodución de son e foley, que traballou en proxectos como a nomeada aos Oscar Sirat, de Óliver Laxe.
O 23 de novembro, esta actividade levará ao campus o director Andrés Goteira, quen presentará a súa segunda longametraxe de ficción, Monstro; mentres que o día 30 terá lugar unha nova sesión centrada na dirección de arte e no traballo de localización, ámbitos que serán abordados por Marta Villar e Andrés Rozados, respectivamente. A programación de Augal neste 2026 pecharase o 14 de decembro con A Canteira da FCom-Augal, xornada dedicada ás curtametraxes realizadas polo alumnado da facultade. Neste caso, serán dez os proxectos que optarán ao premio da mellor curta do pasado curso.
Tres sesións máis en 2027
Xa o vindeiro ano, a programación retomarase o 14 de febreiro con outra sesión de curtametraxes, na que poderán verse As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro; Química, de Alberto Senín, e Cara de cona, de Guillermo de Oliveira, unha das curtas máis premiadas do audiovisual galego nos últimos meses, que forma parte da preselección previa ás candidaturas dos Goya.
O 11 de marzo, Cecilia Bretz presentará Hoxe e o resto do mundo, documental que permitirá achegar o alumnado á traxectoria de Isaac Díaz Pardo e Sargadelos. Finalmente, Augal dedicará a súa sesión de clausura, o 26 de marzo, á longametraxe As augas, estreada nos últimos na Semana Internacional de Cine de Valladolid, que será presentada pola súa directora, Ledicia Sola, e pola produtora e exalumna da facultade Raquel Gestido.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.