
O colectivo Egeria presentou hoxe o libro Lugopoética 2025, que recolle o contido de seis encontros con poetas lucenses desenvolvidos o ano pasado na sede da UNED na cidade. O proxecto conta co apoio da Xunta.
No acto participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e o presidente de Egeria, Xulio Xiz; entre outras persoas.
Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista.
Os trece participantes foron Mar Ferreiro, Lucía López Cancio e Gustavo Enríquez; Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco; Ana Vila e Paco Ledo; Manuel Regal e Xosé Miguélez; Xoan Neira e Toño Núñez; ademais de Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez. O coordinador das conversas foi o profesor e escritor Xosé Carlos Ulloa.
A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia. A edición deste ano está en marcha comezou febreiro e remata en xuño-, con seis novos encontros protagonizados por outros 12 autores lucenses. As charlas son abertas ao público e tamén se difunden na rede. No espazo web lugopoética.gal pode consultarse o calendario e toda a información relativa a esta actividade.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.