Noticias

O festival Pórtico do Paraíso presenta a súa proposta de música culta, patrimonio e pedagoxía

A programación musical abrirase o venres 8 de maio na ourensá Igrexa de Santiago das Caldas co concerto inaugural de Vandalia, cuarteto vocal sevillano especializado no repertorio renacentista e barroco español. Fundado en 2012, o grupo desenvolveu unha ampla traxectoria en España e no estranxeiro e foi recoñecido tanto pola súa discografía como polo seu labor de recuperación do patrimonio musical, con distincións como o Premio XEMA da Prensa ao mellor grupo español de música antiga. O domingo 10, o festival trasladarase ao Pazo de Vilamarín da man da soprano valenciana Mariví Blasco e do intérprete de guitarra barroca Álex Pernas. Especializada en música antiga, Blasco colaborou con formacións de referencia como Europa Galante, L’Arpeggiata ou Accademia del Piacere.

A Xunta renova o seu apoio económico ao Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso como unha cita relevante dentro da programación de música culta en Galicia, que chega este ano á súa 19º edición reafirmando unha traxectoria consolidada e unha personalidade propia baseada na unión entre excelencia artística, patrimonio arquitectónico e vocación pedagóxica. O certame desenvolverase do 8 ao 17 de maio cun programa que inclúe dous concertos na cidade de Ourense e outros dous na provincia, concretamente nos concellos de Vilamarín e Cea, xunto cunha nova achega formativa arredor do piano.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do evento promovido pola Asociación Pórtico Musical de Ourense, nun acto no que tamén interviñeron Juan Enrique Miguéns, director artístico do festival, e César Fernández GIL, vicepresidente da Deputación de Ourense.

En representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Sutil recoñeceu a capacidade do festival para achegar intérpretes e formacións de primeiro nivel a escenarios singulares e por manter durante case dúas décadas unha proposta diferencial que amplía o acceso da cidadanía á música clásica en contornas de especial valor histórico e artístico. Salientou tamén que Pórtico do Paraíso conta co apoio continuado do público e da crítica, así como co selo de calidade europeo EFFE.

Desde o seu nacemento, Pórtico do Paraíso vén ocupando un lugar propio no panorama musical galego cun modelo que combina programación de calidade coa posta en valor do patrimonio arquitectónico ourensán. Esa singularidade convérteo nun proxecto cultural diferenciado e nun atractivo dinamizador para os espazos que o acollen, ao tempo que favorece a descentralización da oferta cultural e a creación de novos públicos.

Catro concertos en espazos singulares

A programación musical abrirase o venres 8 de maio na ourensá Igrexa de Santiago das Caldas co concerto inaugural de Vandalia, cuarteto vocal sevillano especializado no repertorio renacentista e barroco español. Fundado en 2012, o grupo desenvolveu unha ampla traxectoria en España e no estranxeiro e foi recoñecido tanto pola súa discografía como polo seu labor de recuperación do patrimonio musical, con distincións como o Premio XEMA da Prensa ao mellor grupo español de música antiga.

O domingo 10, o festival trasladarase ao Pazo de Vilamarín da man da soprano valenciana Mariví Blasco e do intérprete de guitarra barroca Álex Pernas. Especializada en música antiga, Blasco colaborou con formacións de referencia como Europa Galante, L’Arpeggiata ou Accademia del Piacere e actuou en escenarios como o Auditorio Nacional de Madrid, o Concertgebouw de Ámsterdam ou a Elbphilharmonie de Hamburgo. Pola súa banda, Pernas está centrado nos instrumentos de corda pulsada do Barroco e do Renacemento, foi premiado no Festival de Música Antiga de Xixón e no BeforeBeethoven Emergents Fest de Valencia.

Xa o xoves 14 de maio, o Liceo de Ourense acollerá o recital do pianista barcelonés Álex Alguacil, músico de ampla traxectoria internacional eloxiado pola crítica especializada pola súa madurez interpretativa e o seu fino sentido musical. Formado en Barcelona e na Manhattan School of Music de Nova York, é ademais profesor no Conservatorio Superior de Música do Liceu e convidado habitual a impartir clases maxistrais en centros de España, Xapón e os Estados Unidos.

A clausura terá lugar o domingo 17 no Mosteiro de Oseira, en Cea, co concerto do Cuarteto Seikilos. Gañadora da Bolsa Leonardo 2024 e do premio Grupo Emerxente 2021 de FestClásica, a formación madrileña desenvolve unha intensa actividade nos principais ciclos e festivais estatais e destaca tamén polo seu compromiso coa recuperación do patrimonio musical.

Divulgación e formación

Xunto aos concertos, Pórtico do Paraíso desenvolverá tamén dúas actividades paralelas que afondan na súa vocación divulgativa e formativa. Así, o martes 12 de maio o arpista Manuel Vilas ofrecerá na Casa da Cultura de Ourense e en colaboración co Cine Clube Padre Feijoo, a conferencia Travelling para un arpa, unha proposta que percorre medio século de historia do cinema a través da presenza deste instrumento en arredor de 15 películas de produción norteamericana, francesa, española, italiana, danesa e alemá.

Ademais, os días 13 e 15 de maio, Álex Alguacil impartirá un curso de interpretación no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, reforzando a dimensión pedagóxica dun festival que volve tender pontes entre a exhibición artística, a divulgación e o ensino musical. O proxecto incide así noutra das liñas que definen a súa identidade desde hai anos: ampliar a experiencia do público máis alá do escenario e favorecer tamén o contacto directo entre intérpretes de prestixio e novas xeracións de artistas.

R., 2026-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES