Noticias

O Centro Dramático Galego amplía o universo de Shakespeare con 'Mala vida e pior morte Ricardo III' e 'A propósito de William'

O Centro Dramático Galego amplía desde esta semana a experiencia de exhibición do seu novo espectáculo, Hamlet, cunha programación paralela que incorpora tres pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III, os días 25 de marzo, 1 e 8 de abril ás 20,30 horas, e, por outra, unha nova entrega das ImproVersións a través da proposta A propósito de William, que levará a cabo o colectivo Improversados os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril á mesma hora. O desenvolvemento desta programación expandida completarase cunha acción especial na véspera do Día Mundial do Teatro, que reunirá o xoves 26 de marzo preto de 73 estudantes de secundaria e ensinanzas escénicas.

Con estas iniciativas, a compañía de teatro da Xunta de Galicia reforza o diálogo escénico arredor do universo shakespeariano aberto por Hamlet, a versión galega da obra mestra da literatura dramática dirixida por Tito Asorey e adaptada por Vanesa Sotelo e o propio director, que permanece en cartel no Salón Teatro desde o 19 de marzo ata o 3 de maio con funcións de mércores a domingo ás 18,00 horas. A partir de mañá, as novas actividades afondan na obra e na figura do bardo inglés desde distintos formatos e linguaxes, ampliando as vías de acceso do público á creación teatral.

Un Ricardo III que rebate a Shakespeare

Mala vida e pior morte de Ricardo III é un espectáculo unipersoal protagonizado por Evaristo Calvo, coprodución do Centro Dramático Galego con P.T. Excéntricas, no que o defunto rei de Inglaterra se dirixe directamente ao público para rebater a visión que William Shakespeare deixou trazada sobre os últimos anos da súa vida no drama A vida e a morte do rei Ricardo III.

A peza, fraguada o pasado ano no marco do programa Clásicas Desfesitas xunto á Cidade da Cultura de Galicia, propón unha lectura revisionista deste monarca da Inglaterra do século XV tentando situalo no contexto da ciencia histórica, así como poñer en valor a súa dimensión humana a través do humor. Neste exercicio teatral, personaxe e intérprete expoñen as súas contradicións nun xogo deliberadamente esquizoide que ofrece unha nova aproximación á materia shakespeariana e que contribúe a expandir e complementar a experiencia de visionado de Hamlet.

Apoio aos formatos de Improvisación teatral

O programa ImproVersións, integrado nas actividades paralelas do Centro Dramático Galego no seu apoio aos formatos actuais de improvisación teatral, desenvolverase nesta ocasión a través de cinco funcións baixo o título A propósito de William, a cargo da compañía Improversados, previstas para os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril ás 20,30 horas no Salón Teatro.

Interpretada por Víctor Castro, Antía Vidal e Diego Salgado, a proposta parte dunha premisa singular: “sobrevivir a unha matanza é duro, pero moito máis se despois toca contala”. Así, os cómicos de Hamlet e o pobre Horacio abandonan Elsinor co trauma no corpo e coa necesidade de atopar un novo traballo facendo o que mellor saben: encarnar historias tal e como as tería escrito o seu finado dramaturgo, un tal William, que quedou na corte co resto dos cadáveres. A partir de aí, o espectáculo constrúe historias improvisadas no estilo de Shakespeare e coa característica esencia musical de Improversados.

As entradas para os pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III e A propósito de William son independentes das de Hamlet e xa están dispoñibles a través da plataforma en liña Ataquilla. Tamén poden adquirirse no portelo do Salón Teatro nos días de función.

Acción especial polo Día Mundial do Teatro

Tamén esta semana, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro o venres 27 de marzo, o Centro Dramático Galego desenvolverá na véspera unha actividade especial de mediación no Salón Teatro coa participación de arredor de 73 estudantes de ensino medio. Será alumnado procedente dos instituto Val do Tea, de Ponteareas, e do instituto A Xunqueira, de Pontevedra, centro no que se imparte o Bacharelato de Artes Escénicas, ademais dun grupo de teatro escolar de Mos.

A xornada celebrarase o xoves 26 en horario de mañá e incluirá unha visita ás instalacións do edificio, así como un coloquio con Tito Asorey e con integrantes do elenco de Hamlet. Como remate, un dos grupos participantes ofrecerá unha breve mostra do traballo que está a desenvolver nas aulas arredor desta peza.

R., 2026-03-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES