
Así explica Jacobo Bermejo, membro da Fundación Andreu Nin e comisario da mostra A esquerda heterodoxa galega na Segunda República. 90 aniversario da fundación do POUM, o que as persoas que a visiten atoparán entre o 4 de o 26 de marzo no Edificio Redeiras da UVigo.
Organizada polas fundacións Eugenio Granell, Andreu Nin e 10 de Marzo, coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo, a exposición está integrada por unha decena de paneis explicativos, a través dos que, e baseándose na obra de Dionisio Pereira, 'buscamos rescatar do esquecemento un grupo de militantes experimentados que foron os que alzaron a voz contra o poder do todo poderoso Stalin, ao tempo que ofrecen un modelo para un partido socialista democrático', explica Bermejo.
Dar a coñecer como se formou o POUM
A mostra chega a Vigo logo de visitar outros puntos de Galicia, meses despois de cumprirse o 90 aniversario da fundación do Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), unha efeméride que os organizadores da mostra queren aproveitar para dar a coñecer como se formou este partido e cal foi o seu legado político.
'Lonxe de ser historia pasada, os escritos dos seus principais líderes, Andreu Nin e Joaquín Maurin, seguen a ser publicados e estudados. O seu gran legado político foron, sen dúbida, as Alianzas Obreiras desenvolvidas durante o Bienio Negro da República, consolidando a unidade das forzas de esquerda contra os ventos fascistas que sopraban con forza naquel momento. Desafortunadamente, hoxe estes ventos volven soprar, como fixeron no pasado, substituíndo os xudeus por inmigrantes e calquera cousa que se poida parecer á diversidade', lamenta Bermejo.
Considera o comisario da mostra que, aínda que o seu público obxectivo podería ser a xente interesada na memoria histórica e a política en xeral, 'estaremos satisfeitos se esta exposición consegue sacar estes dous grandes temas do esquecemento e contribuír á reflexión sobre o significado do estalinismo e o desastre que a división polo fascismo trouxo a toda a esquerda europea'.
Unha mesa redonda o día da inauguración
Previa á celebración dunha visita guiada á exposición, o 4 de marzo ás 19.00 horas, desenvolverase no edificio Redeiras unha mesa redonda na que participarán Dionisio Pereira, historiador; Enrique del Olmo, presidente da Fundación Andreu Nin; Victor Santidrian, membro da Fundación 10 de marzo; Jacobo Bermejo, comisario da exposición; e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria. A continuación proxectarase un vídeo sobre a historia do POUM.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.