
Máis de 80 obras de 63 artistas, procedentes das coleccións de arte públicas e privadas máis importantes de Galicia, forman parte desta mostra colectiva comisariada pola artista e investigadora Mónica Alonso. Entre elas, destaca a colaboración das Coleccións de Arte de Afundación e de Abanca. Tamén se exhiben obras das fundacións María José Jove, Luis Seoane e Eugenio Granell, así como do Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo de Pontevedra e o Museo Provincial Lugo, ou as galerías Nordés e Trinta.
A selección reúne grandes figuras históricas da arte galega como Castelao, Eugenio Granell, Laxeiro, María Antonia Dans ou Luis Seoane con destacados creadores contemporáneos, entre eles Manuel Vilariño, Francisco Leiro, Antón Lamazares, Manolo Paz, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas. Xunto a eles, a mostra abre espazo ás novas voces da creación actual: artistas plásticos como Mar Vicente e Rosendo Cid; cineastas e creadores visuais como Lois Patiño e as irmás Noa e Lara Castro de Lema; artistas sonoros como Berio Molina, e unha nova xeración de escultores representada por Mar Ramón Soriano e Pablo Barreiro, entre outros moitos.
Mergullarse na experiencia artística
As estacións do ano abre as súas portas o próximo 26 de febreiro e poderá visitarse con entrada gratuíta ata o 6 de setembro. A mostra contará cun programa de visitas comentadas e didácticas, especialmente deseñadas para mergullarse nos ciclos da natureza e a súa influencia a través da arte contemporánea.
Ademais, no marco da liña de traballo Gaiás Inspira, programaranse actividades lúdicas e divulgativas pensadas para complementar e amplificar os contidos da exposición, transformando o Museo Gaiás nun espazo vivo e aberto á participación de todos os públicos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.