//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A norma aprobada hoxe dirixe o manual básico, que figura como anexo do decreto, para ver as distintas formas de 'aplicar o logotipo en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas', e obriga á súa utilización ata o 31 de decembro de 2028. A marca do Xacobeo 2027 aplicarase tamén sempre á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento divulgativo do evento. O decreto destaca a necesidade de que o Goberno galego e as demais entidades do sector público de Galicia esixan, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a marca do Xacobeo 2027.
O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta do público galego, que está a encher o Salón Teatro de Santiago de Compostela en todos os pases desta produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións. Coas entradas xa esgotadas para as funcións programadas na sede da compañía pública desde o pasado día 8 ata o domingo 25 e do 11 ao 15 de febreiro, o equipo prepara xa o inicio dunha xira que arrancará en nove escenarios das catro provincias.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios arranca a súa actividade anual cun primeiro semestre de programación durante o que ofrecerá 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. O circuíto autonómico conta cun orzamento de preto de 1,29 millóns para a contratación das 102 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma a esta carteleira. Destacan nela sete agardadas estreas da temporada escénica galega, unha maior presenza da música en directo, que protagoniza 23 das actuacións, e a incorporación de Outes (A Coruña) como novo concello da Rede, no marco da que a súa Casa da Cultura acollerá no mes de febreiro os espectáculos Cirkote, de Kote Malabar; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada.
As bibliotecas da Xunta de Galicia remataron 2025 cunha suba de ata 289.883 do número de carnés de usuarios, o que supón preto de 9.000 máis que o pasado ano. Precisamente, os seus propietarios son os protagonistas das actividades que celebrarán mañá, sábado, e o vindeiro luns, día 12, co gallo do Día das persoas usuarias, efeméride que este ano coincide en domingo. Por estes motivos, a programación repartirase entre estes dous días con visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteos de libros e premios aos lectores máis activos.
As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que é xa un dos personaxes máis universais das nosas letras, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo que se presenta como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.
A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega. Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é un médico e escritor galego. Como autor literario foi distinguido no ano 2022 co Premio Blanco Amor pola súa novela A inmoral doutora Cons. Como ensaísta, recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2017 pola súa monografía Enfermos pobres, médicos tristes.
En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.
O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.
O Auditorio Mar de Vigo acollerá o vindeiro 18 de decembro un concderto do artista portorriqueño Gilberto Santa Rosa dentro da programación musical de Concertos do Xacobeo. O artista portorriqueño, recoñecido mundialmente como 'El Caballero de la Salsa' e recentemente nomeado ao Grammy 2026 polo seu álbum Debut y Segunda Tanda, vol. 2, traerá ao Auditorio Mar de Vigo o seu espectáculo Navidades, unha proposta que combina a forza da salsa coa elegancia e a emoción que marcaron toda a súa carreira. A cita do 18 de decembro en Vigo forma parte dunha serie de concertos especiais coa que o artista celebra as festas acompañado pola súa orquestra habitual e unha posta en escena coidada ao detalle.
Os Monográficos Iacobus, cursos que abordan a historia da arte e do patrimonio cultural galego desde diversas perspectivas, nacen co propósito de estreitar os vínculos entre a investigación desenvolvida na universidade e as institucións museísticas galegas e achegarlle este coñecemento á sociedade. O seu formato combina dúas partes: un ciclo de conferencias e un encontro directo coas obras.
A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria, Belén Trigo, 'buscar e descubrir os aspectos menos tratados' da figura deste intelectual rexionalista e 'establecer un diálogo entre dúas épocas', o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición, que pode visitarse ata o 15 de xaneiro, conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis.
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao . As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de 'construción e reconstrución' como artistas que implicou a súa formación, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas traballadas.
Do medo ao folio en branco á fugacidade do cotiá, pasando por unha reflexión sobre a expresión da ira ou polas relacións que se xeran entre as persoas e os obxectos. Estas son algunhas das ideas que once estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes converteron nas curtametraxes estreadas na tarde deste martes no Teatro Principal, na xornada de apertura da décima edición de Novos Cinemas.
Centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas celebrará entre o 9 e o 14 de decembro unha década de traxectoria, caracterizada pola súa aposta tanto polo cinema emerxente como pola formación, coa proxección de filmes de 18 nacionalidades e un programa de actividades complementarias.
'Fragmentos de identidade, testemuños dunha forma de vida que se resiste a desaparecer', os rótulos comerciais antigos presentes nas rúas de múltiples cidades e vilas de Galicia centran o libro que o fotógrafo e profesor da Facultade de Comunicación Jorge Lens realizou xunto coa arquitecta Ana Cocho e o deseñador gráfico Robert Willemse. Publicado na colección Reportaxe da editorial Galaxia, Os rótulos da nosa vida reúne preto de 600 fotografías de rótulos realizadas polos seus tres autores.
Dúas ladeiras de mesma montaña é o título da exposición que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e que reúne as creacións que os artistas Martín Llavaneras e Elena Jones idearon na cidade mexicana de Guadalajara, como beneficiarios da primeira convocatoria de residencias internacionais do Centro de Arte Fundación María José Jove.
Un ano máis, a literatura de transmisión oral súmase á programación cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, cunha nova edición do ciclo Contos de inverno, que se desenvolverá nos tres próximos xoves na Casa das Campás. As contadoras Ánxeles Goás, Lorena Pinheiro e Ana Carreira serán nesta ocasión as protagonistas deste ciclo de contacontos para público adulto, que a Vicerreitoría promove coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Desde a invasión rusa a comezos de 2022, a guerra marcou fundamentalmente a imaxe que os medios de comunicación trasladan de Ucraína, o que, máis aló de facer visible o conflito, pode contribuír a trasladar unha percepción distorsionada deste país como un territorio baleiro e devastado, onde non queda nada. Deste xeito presenta a historiadora da arte Yuliia Pantiukh o que foi o punto de partida da exposición Ucraína máis alá da guerra, que pode visitarse na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
Nacido hai medio ano, o Instituto de investigación Lingua da UVigo celebrará os vindeiros días 20 e 21 o seu congreso inaugural. A I Conferencia internacional de investigación en linguas, CIIL25, reunirá no edificio Redeiras un destacado número de especialistas en dúas xornadas dedicadas ás linguas 'co obxectivo de acadar sinerxías, dar a coñecer os traballos que se están a facer e asentar as redes do iLingua', explica o director do Instituto, Javier Pérez Guerra.