Noticias

O Centro Dramático Galego ergue o pano de 2026 coa estrea da versión teatral de 'Memorias dun neno labrego' en homenaxe a Neira Vilas

As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que é xa un dos personaxes máis universais das nosas letras, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo que se presenta como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.

A Xunta de Galicia abre a súa actividade deste 2026 no Centro Dramático Galego coa estrea mañá, ás 18,00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela do espectáculo Memorias dun neno labrego, nova versión teatral da famosa novela de Xosé Neira Vilas producida coa compañía Contraproducións baixo a dirección escénica de Cándido Pazó. Na sede da unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá verse ata o 25 de xaneiro e do 11 ao 15 de febreiro, ademais de xirar inicialmente por outra decena de localidades nestes dous meses.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, presentaron, xunto ao equipo artístico, a montaxe a través da que a compañía pública homenaxea a figura de Neira Vilas no 10º aniversario do seu pasamento e no 65º da publicación de Memorias dun neno labrego. Participou, así mesmo, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, para falar da colaboración con esta entidade a través de visitas guiadas ligadas á temática da obra.

En canto ás devanditas efemérides, Valentín García lembrou que o libro foi publicado por vez primeira en Bos Aires o 5 de xaneiro de 1961 a modo de agasallo de Reis do autor de Vila de Cruces a todos os nenos galegos, dentro e fóra de Galicia. Tanto o secretario xeral da Lingua como Cándido Pazó incidiron na pertinencia e necesidade de novos achegamentos a esta gran novela da literatura galega, que marcou varias xeracións lectoras e conta con traducións a unha vintena de idiomas e máis de 700.000 exemplares publicados en todo o mundo.

A emoción en primeiro termo

As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que –como destacou o secretario xeral da Lingua– é xa un dos personaxes máis universais das nosas letras, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos. As lembranzas de Balbino preséntanse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.

Ademais da dirección escénica, Cándido Pazó asina este texto teatral que sigue a voz sincera e sensible deste fillo de labregos pobres medrando nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Así, Balbino narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino.

Completan o equipo Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, que traballan man a man co persoal técnico do CDG.

Ante o bo ritmo de venda de entradas do espectáculo, para o que xa foron adquiridas máis de 2500 localidades, o director do Centro Dramático Galego anunciou que haberá unha segunda quenda de representacións do 11 ao 15 de febreiro, que se sumará á inicialmente programada do 8 ao 25 de xaneiro. En ambos os casos, as funcións serán de mércores a domingo ás 18,00 h. e os billetes poden adquirise en entradas.ataquilla.com e no propio teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.

Xira inicial

Ademais, Memorias dun neno labrego ten pechada unha xira inicial para estes dous meses, durante os que se poderá ver en Vimianzo, Nigrán, Lugo, Ribeira, Vilalba, Rianxo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras ou Carballo, entre outras localidades.

Ao tempo, a compañía da Xunta mantén a súa campaña Sobes ao autobús do teatro?, a través da que pon a disposición dos concellos galegos un servizo gratuíto de autocares a Santiago de Compostela para poder gozar do espectáculo. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro recibirá público de 25 municipios, así como un grupo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Disponse igualmente das habituais medidas de accesibilidade, como interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas.

R., 2026-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Notas

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES