
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a 'aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto que regula a utilización da marca Xacobeo 2027', mediante o cal se obriga os departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios autonómicos, fundacións do sector público autonómico e sociedades mercantís públicas autonómicas, a utilizar como elementos adicionais os símbolos da marca Xacobeo 2027.
A Xunta de Galicia, tal e como explicou, 'dá un paso máis' de cara á materialización de toda a organización do Xacobeo 2027, 'un dos eventos que vai ser fundamental para Galicia en todos os sentidos', asegurou. Así, destacou que, tal e como se viu en Fitur, 'o sector turístico está a vivir un dos seus mellores momentos', tendo en conta a falta de datos pechados os máis de 8,5 millóns de viaxeiros aloxados na comunidade o pasado ano e as máis de 530.000 compostelas entregadas. 'E hai boas perspectivas tamén para este ano 2026 segundo nos sinalan os profesionais', apuntou o presidente da Xunta.
Así, tras a aprobación agora deste manual tomando como base a proposta de logotipo que xa lle avanzou ao Ministerio a través do Consello Xacobeo, está pendente que este órgano convoque a reunión en que se cree a comisión que o aprobe.
Este novo decreto da Xunta súmase ao traballo realizado ata agora para facer efectivo o programa de beneficios fiscais que favorecerá as empresas que apoien este evento. Neste sentido, o Goberno galego vén traballando desde xuño de 2024, no marco da Comisión Executiva do Consello Xacobeo, instando o Goberno central para que actuase para que as empresas que apoien o Xacobeo 2027 teñan beneficios fiscais.
A norma aprobada hoxe dirixe o manual básico, que figura como anexo do decreto, para ver as distintas formas de 'aplicar o logotipo en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas', e obriga á súa utilización ata o 31 de decembro de 2028. A marca do Xacobeo 2027 aplicarase tamén sempre á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento divulgativo do evento.
O decreto destaca a necesidade de que o Goberno galego e as demais entidades do sector público de Galicia, nas súas relacións de colaboración con outras administracións ou entidades dependentes, esixan sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a marca do Xacobeo 2027.
Rueda apuntou que 'a utilización de dita marca por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración xeral e do sector público autonómico da Comunidade Autónoma requirirá solicitude dirixida á Axencia de Turismo de Galicia', que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.
Ademais, o decreto recolle que a Xunta de Galicia e as demais entidades do sector público autonómico de Galicia fomentarán o emprego polas entidades locais galegas da marca, informándoas sobre a posibilidade de solicitar a oportuna autorización para o seu uso en todas as súas actuacións, especialmente nas de comunicación pública e promoción.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.