
Trátase dos resultados finais do taller Cinema dende dos corpos, promovido pola Vicerreitoría do campus xunto co festival e no que a cineasta Anxos Fazáns guiou este grupo de estudantes no desenvolvemento dunhas pezas que tiveran como punto de partida o compoñente físico do cinema, a parte máis intuitiva da creación audiovisual, como sinalaba esta directora e guionista.
Egresada da Facultade de Comunicación, Fazáns protagoniza na noite deste martes a sesión inaugural deste festival, coa estrea en Galicia da súa segunda longametraxe As liñas descontinuas. Previamente, participa xunto coa vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, o director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, e este grupo de alumnos e alumnas na presentación destas curtametraxes, que abrían a programación desta edición.
De contemplar o cotiá a vencer a repetición
O reto proposto por Fazáns de partir da propia forma de relacionarse co que se filma deu como resultado curtas como No hay atajos, na que a estudante de Belas Artes Susana Llorente reflexiona sobre o propio proceso de creación, sobre ese medo ao folio en branco e o tránsito por distintas emocións para poder comezar. Nesa mesma liña, a tamén alumna desta facultade Gema Rodríguez converteu o bloqueo creativo no motor de Inercia, curta na que describe o proceso polo que cóllese a cámara sen outra pretensión que gravar algo interesante que consiga vencer a repetición, co propósito de pór de relevo a importancia da detención, de contemplar, frear e asentar a mente.
Tamén estudante de Belas Artes, Elías González deu forma a Escoitei voar un susurro, un vídeo-ensaio que busca dar a entender a fugacidade do noso o día, pondo de relevo como por culpa da mala costume de ir sempre tan rápido, xa non nos paramos a observar o que realmente nos rodea. Froito dun proceso de traballo no que Fazáns buscou outorgar ao alumnado unha liberdade total para a creación, entre os proxectos presentados nesta xornada atópanse tamén pezas como ECO, na que a alumna de Comunicación Audiovisual Gema Vergara propón unha reflexión sobre como e por que algunhas persoas, en concreto as mulleres, en momentos nos que se require non somos capaces de expresar con liberdade unha das emocións máis básicas do ser humano: a ira. Estudante tamén da Facultade de Comunicación, Ángel Cea deu forma neste obradoiro a Pescadores de pulpo, o relato dun polbeiro que herdou a tradición familiar de ir ao mar e que conta en primeira persoa como se vive un oficio que cada vez vaia a menos.
Traballo individual e colectivo
Alén do traballo individual para dar forma ás curtas, este taller implicou tamén un proceso colectivo, de posta en común das propostas nas súas diferentes fases. Fomentouse unha dinámica na que todas nos apoiabamos e nos retroalimentabamos do traballo e dos comentarios dos demais, sinala Sara Ricoy, quen subliña o valor dunha actividade na que comezamos a dar pasos no ámbito profesional da man dun evento de referencia no panorama galego. Estudante de Belas Artes, buscou na súa curta explorar as relacións entre as persoas e os obxectos, o que rematou converténdose nunha reflexión máis próxima á experiencia vital que ten como protagonista a súa avoa.
Nesa mesma liña, José García Estévez lembra este taller como unha expansión de horizontes na miña identidade artística e, sobre todo, como unha posta en común con outros compañeiros, no que deu forma a unha peza que define como un comentario na realidade cotiá dun perfil moi estendido de persoa, que tenta cuestionar ao espectador sobre si mesmo. O positivo de traballar xunto a compañeiros de diferentes ámbitos, con ideas e talentos moi diversos que achegan novos puntos de vista ao proceso é tamén unha das cuestións sinaladas por Tristán Rodríguez, estudante de Comunicación Audiovisual, quen deu forma a un exercicio de sonorización e montaxe sobre un capítulo do libro Canto yo y la montaña baila, de Irene Solá. Xa graduada en Belas Artes, Sofía Melón recoñece que botaba en falta unha contorna creativa como a que implicaba este obradoiro, que dálle tamén a oportunidade de presentarme ante un público dunha maneira máis persoal e íntima. Faino con Un retrato a través dunha alegoría, unha curta nacida como unha reinvención do seu traballo de fin de grao, na que afonda en anos de introspección e xogo a través de simbolismos cos que buscaba identidade.
As pezas de Andrés Álvarez e Ana Rodríguez completan unha presentación que abre unha programación que se estende ata este domingo 14 e que combina a exhibición de preto de 40 longametraxes con outra serie de actividades, como talleres, mesas de debate ou encontros profesionais.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.