Noticias

Rueda destaca que Galicia pecha o 2025 sen déficit e mantendo un alto nivel de execución orzamentaria

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia pechou o 2025 nunha situación de 'equilibrio', mantendo un 'alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit', o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano. O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4%, e dos fondos propios, que chega ao 101% dos créditos iniciais.

O esforzo investidor da Xunta, tal e como detallou o presidente, acada o 14,6% e o aforro bruto os 1.359 millóns de euros, 'o que permite financiar maiores investimentos sen necesidade de acudir ao endebedamento'. A solvencia financeira de Galicia fai posible reforzar 'a prestación de servizos de carácter social', apuntou; isto é, o gasto en sanidade, en educación, en políticas sociais, en vivenda e en I+D+I, ademais de seguir entre as comunidades autónomas máis investidoras.

Polo que se refire aos ingresos, acadan unha execución do 98,8%, destacando os tributarios, que medran un 6%, cunha recadación de 8.371 millóns de euros. Ingresáronse 348,5 millóns máis que no ano 2024, un 2,6% a maiores. No caso dos ingresos correntes, a súa execución elevouse ata o 101,7%, cun bo comportamento en todos os capítulos. Os datos confirman a prudencia coa que se elaboran as contas autonómicas e a solvencia dos seus resultados.
Redución da ratio de débeda sobre o PIB

O documento destaca tamén que o sólido e continuado crecemento económico de Galicia, xunto ao bo desempeño orzamentario e o moderado nivel de débeda, levou ás axencias de cualificación S&P e Moody´s a mellorar en 2025 as súas avaliacións da calidade crediticia da Comunidade (A+ e A3), o que se traduce nunha baixada do índice de débeda sobre o PIB de 0,7 puntos nun só ano, reducíndose ata o 13,9%. Galicia, polo tanto, non precisa unha condonación da débeda e 'acada ese obxectivo fixado para 2029 de estar por debaixo do 14% catro anos antes', destacou Alfonso Rueda.

A redución acadada mellora a estimación prevista no Plan Estratéxico de Galicia 2030 para este exercicio, que era dun 16,0 %. En cinco anos, a Xunta reduciu un 29% a ratio de débeda sobre o PIB.

Por último, Galicia segue sendo, un ano máis, un referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores, situando a media anual ata novembro do 2025 (último mes con datos publicados) nos '15,3 días, case 11 menos que o promedio estatal (26,1 días)', indicou.

En definitiva, Rueda destacou que o Goberno galego pechou o ano 2025 cun 'saldo fiscal positivo do 0,11 % do PIB, mellorando as previsións iniciais', nas que se contemplaba un obxectivo de déficit cero, obtendo unha capacidade de financiamento de 96 millóns de euros e executando o 97,4 % do presupostado.

Faino, ademais, cumprindo as regras fiscais tanto no obxectivo de estabilidade como no obxectivo de débeda, axustándose á regra de gasto europea e, por segundo ano consecutivo, sen recorrer ao déficit.

R., 2026-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES